Inicio Carballo ao día Novas Concello e comercio da zona intentarán...

Concello e comercio da zona intentarán negociar con Augas de Galicia unha solución á mobilidade na ponte da Casilla

Evencio Ferrero reuniuse este venres con empresarios das rúas afectadas polas obras de prevención do risco de inundación nas ribeiras do Anllóns

Venres 11 de outubro do 2024

A xuntanza celebrouse este venres na casa do concello

A xuntanza celebrouse este venres na casa do concello

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, mantiveron este venres unha xuntanza cun grupo de comerciantes da contorna da ponte da Casilla, que expresaron a súa preocupación pola incidencia nos seus negocios das obras que está a desenvolver Augas de Galicia na ponte, que este mes quedou cortada tamén ao tránsito peonil.

O Concello de Carballo púxose a disposición da veciñanza para intentar minimizar os efectos das obras, que teñen como finalidade reducir o risco de inundación nas beiras do Anllóns. A competencia municipal limítase, tal como recolle o convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Xunta de Galicia, á posta a disposición dos terreos e á ordenación do tráfico, e nese sentido ofreceuse toda a colaboración para mellorar a sinalización e a circulación.

Calquera outra actuación depende de Augas de Galicia, e nese sentido os comerciantes decidiron elaborar un escrito para solicitar unha reunión con este departamento autonómico. O goberno local ofreceuse como intermediario e tamén para acompañar aos afectados, se así o consideran, nesa entrevista.

Compartir: