O Enreguéifate arrinca unha oitava edición de puro magnetismo
Os concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo impulsan este proxecto de dinamización lingüística
Martes 8 de outubro do 2024 Lingua
O Enreguéifate presentou este mediodía as novidades da súa oitava edición. O proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, reivindica o valor da improvisación oral en verso, a regueifa, como unha das expresións máis representativas da poesía popular oral galega e como unha vía para fomentar o uso da lingua galega, especialmente entre a mocidade.
A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín; o rexedor de Ames, José Blas García Piñeiro; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira; a concelleira de Lingua de Teo, María Vázquez Rey; e Lupe Blanco, regueifeira e formadora do Enreguéifate, quen deu comezo ao acto regueifando, deron a coñecer todos os detalles desta nova edición. Á presentación asistiron, ademais, responsables de normalización lingüística dos concellos impulsores.
“Estamos –apuntou a alcaldesa de Santiago de Compostela– nun gran momento para facer visible e valorar, máis ca nunca, esta parte da nosa tradición, do noso patrimonio inmaterial”. Especialmente, tendo en conta que a regueifa, por ser unha das expresións representativas da poesía popular oral, será tamén protagonista das Letras Galegas 2025. Goretti Sanmartín lembrou a figura de cantareiras como Adolfina e Rosa Casás, “grandes improvisadoras, malia non ser a regueifa unha práctica común na súa comarca natal de Ordes”; ou o caso da muxiá Eva Castiñeira, unha das Pandeireteiras de Mens, que foi “a fonte dunha das melodías máis populares da regueifa”, gravada por Pablo Quintana á cantareira nunha recollida nos anos 80.
Enreguéifate, puro magnetismo! é o lema desta oitava edición que dará comezo cun obradoiro de formación para profesorado. Terá lugar o venres 18 de outubro nas Escolas do Xardín Agra de Caldas de Carballo, da man de Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. Unha actividade gratuíta para a que está aberta a inscrición desde hoxe e até o 15 de outubro a través da web do Enreguéifate. O obxectivo é que corenta e cinco docentes de toda Galicia coñezan o valor da regueifa como ferramenta didáctica. “Un contido que enriquece a práctica educativa e o desenvolvemento no só cultural, senón tamén emocional, relacional e colectivo do alumnado. E faino, ademais, dun xeito lúdico e inclusivo, dúas das claves do seu éxito”, apuntou o alcalde de Ames. Nesa liña, José Blas García Piñeiro expresou o agradecemento das institucións impulsoras a todo o profesorado galego que cada ano “se implica nesta iniciativa da que fan parte fundamental”.
Durante o primeiro e segundo trimestre realizaranse preto de 80 obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e da ESO de centros educativos dos concellos impulsores da iniciativa. Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón serán nesta edición as persoas encargadas de impartir estas accións formativas.
Con esta oitava edición do Enreguéifate volve tamén unha das súas citas imprescindibles, o certame de regueifas en vídeo. O prazo para participar estará aberto entre o 20 de xaneiro e o 20 de marzo de 2025. A inscrición poderá realizarse desde a páxina web do Enreguéifate, onde están xa dispoñibles as bases completas do certame. As persoas interesadas en participar deberán enviar un vídeo no que aparezan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego e cunha duración máxima de 3 minutos. Os galardóns entregaranse nunha gala que este ano volverá ser un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta.