A Xunta de Goberno aproba a licenza para a restauración dos terreos afectados pola explotación mineira do Monte Neme
O 23,51% da superficie incluída no proxecto emprázase no noso concello e o 76,49%, no de Malpica
Luns 7 de outubro do 2024
A Xunta presentou o proxecto no ano 2022
Dez anos despois da rotura dunha das tres balsas da antiga mina do Monte Neme, que provocou un vertido de máis de 24.000 metros cúbicos de auga sobre os núcleos de Aviño (Malpica) e Razo da Costa, a Xunta de Goberno Local aprobou este luns a solicitude de licenza presentado pola Xunta de Galicia para proceder á restauración dos terreos afectados pola extinta explotación mineira.
Segundo proxecto presentado, a actuación ten por obxecto a recuperación paisaxística da zona mediante o baleirado controlado dos ocos mineiros, a depuración das augas residuais existentes, a remodelación das zonas alteradas pola explotación mineira e a creación dunha cuberta vexetal persistente no tempo. A maior parte das obras desenvolveranse no concello de Malpica. En Carballo actuarase sobre unha superficie de 16.562,33 metros cadrados, que supón o 23,51% do total.
Tal como figura no expediente, con data 31 de outubro de 2014 a Consellería de Economía e Industria emitiu resolución de aprobación do proxecto de abandono e clausura dos terreos afectados poña explotación mineira Monteneme, promovido por Leitosa SAU como titular das concesións de explotación. Con data 12 de decembro de 2023, a Xunta de Galicia presenta solicitude de licenza para executar o proxecto.
A tramitación prolongouse durante todo este ano debido á necesidade de contar con autorizacións de diferentes organismos autonómicos, como a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, emitidas o 11 de marzo e o 9 de setembro, ou Augas de Galicia, o 20 de agosto. Con data 2 de outubro, a arquitecta e a enxeñeira municipais informaron favorablemente o proxecto presentado, que prevé no noso concello un investimento de 268.122,80 euros.