A Ponte da Lagoa reabre ao tránsito peonil e a mediados de mes está previsto reabrila tamén ao tráfico rodado
O alcalde acompañou ao director de Augas de Galicia nunha visita ás obras en marcha dentro do plan de xestión do risco de inundación nas beiras do Anllóns
Venres 4 de outubro do 2024
Despois de sete meses, desde hoxe xa é posible volver cruzar a pé a Ponte da Lagoa ou da Milagrosa. A reapertura coincidiu coa visita que realizou ás obras o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero. Segundo os prazos ofrecidos hoxe mesmo pola empresa construtora, a mediados de mes tamén está previsto reabrila ao tráfico rodado.
Despois de estrear o paso peonil provisional, representantes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Concello de Carballo realizaron un percorrido polas beiras do Anllóns ata o San Martiño, onde se levou a cabo outra das actuacións incluídas no plan de xestión do risco de inundación, e a Ponte da Casilla, que está en obras neste momento e tamén pechada ao tráfico. Precisamente, neste punto o alcalde aproveitou para solicitar a máxima celeridade nos traballos, co obxectivo de que de cara ao Nadal poida abrirse un paso peonil, facilitando deste xeito a mobilidade e a accesibilidade aos comercios situados na contorna.
Roi Fernández explicou que o conxunto das obras previstas, que se prolongarán ata o ano que vén, contribuirán a que o núcleo urbano de Carballo estea máis preparado e seguro ante episodios meteorolóxicos adversos e posibles asolagamentos. Nesta liña, agradeceu a boa sintonía e colaboración co Concello, que aportou os terreos necesarios para executar as actuacións e resolveu todas as cuestións relativas á súa dispoñibilidade.