Inicio Carballo ao día Novas Concello de Carballo e Lumieira colaboran un ano...

Concello de Carballo e Lumieira colaboran un ano máis para impulsar a cultura micolóxica entre a veciñanza

A Concellaría de Medio Ambiente complementa as saídas organizadas pola asociación cun showcooking – degustación de petiscos elaborados con cogomelos

Venres 4 de outubro do 2024

O ano pasado organizamos unha saída ao monte para familias

O ano pasado organizamos unha saída ao monte para familias

A Concellaría de Medio Ambiente e a Asociación Cultural Lumieira volven colaborar para seguir promovendo a cultura micolóxica entre a veciñanza con saídas ao monte, sesións de clasificación e catalogación, exposición, showcooking e degustación. E para todo iso contaremos con auténticos/as especialistas.

Carballo celebra 15 edicións de xornadas micolóxicas. Comezaremos o sábado 12 de outubro cunha primeira saída dende o Fórum Carballo, ás 10.00 horas, e a posterior clasificación dos cogomelos e a valoración da xornada, xa a partir das 16.30 horas. Esta primeira xornada estará coordinada por Manuel Pose.

O sábado 26 contaremos con Tomás Rodríguez, co cal realizaremos unha nova saída para recoller cogomelos, co mesmo formato que a do día 12. As persoas interesadas en participar en calquera destas saídas poden inscribirse enviando os seus datos a a.c.lumieira@gmail.com.

E o domingo 27 remataremos por este ano cunha proposta dobre que se desenvolverá arredor da nosa feira tradicional. A partir das 11.00 horas, todo o público que o desexe poderá achegarse ata o posto que teremos instalado na Praza do Concello (no caso de choiva, no mercado municipal) e aprender máis sobre os cogomelos coa axuda do micólogo Pablo Cuadrado Prado.

Á mesma hora, no interior do mercado municipal (na zona de costume), o cociñeiro Chisco Ramos ofreceranos un showcooking no que aprenderemos a elaborar distintos pratos con cogomelos e que rematará cunha degustación de petiscos entre todas as persoas asistentes (ata fin de existencias).

Compartir: