Inicio Carballo ao día Novas Aprobada por unanimidade a imposición...

Aprobada por unanimidade a imposición dunha sanción de 32.648,92 euros á concesionaria do servizo do lixo

A corporación municipal tamén aprobou unha moción do BNG contraria á suba do canon de Sogama prevista para o ano que vén

Martes 1 de outubro do 2024

Do mesmo xeito que no pleno de xullo se adoptou por unanimidade o acordo para iniciar o expediente que permitise multar á empresa concesionaria do servizo de recollida e xestión do lixo polo incumprimento do contrato, a corporación municipal volveu aprobar por unanimidade a proposta do goberno para que esa sanción acade os 32.648,92 euros, unha cifra que o portavoz do PP, Rubén Lorenzo, cualificou coma “simbólica” e que o concelleiro de Contratación, Ramón Varela, definiu como “proporcional e axustada a dereito”, tendo en conta ademais que é o primeiro incumprimento en todos os anos de vixencia da concesión do servizo a Carballo UTE e que se suma, ademais, ao que a empresa deixará de percibir polos días nos que non prestou o servizo.

A proposta de sanción foi un dos primeiros asuntos abordados no pleno, que rematou coa aprobación dunha moción presentada polo BNG e defendida polo seu portavoz, Xosé Regueira Varela, sobre a suba do canon de Sogama que vén de anunciar a Xunta de Galicia. Así, fronte aos 68 euros por tonelada que pagaban os concellos a principios deste ano, cando empece o 2025 serán 108 euros por tonelada, un incremento decidido de xeito unilateral e sen consulta aos concellos nin á cidadanía, que van ser os directamente prexudicados.

A moción do BNG, que contou co respaldo do PSOE, inclúe tres medidas: o rexeitamento desa proposta de novas taxas para o 2025, o cambio da política de residuos para primar a reciclaxe sobre a incineración e a creación dunha mesa de traballo entre a Xunta, Sogama e a Fegamp para abordar estas cuestións.

O PP tamén presentara unha moción sobre esta cuestión, pero foi rexeitada.

Outros acordos

  • Convenio entre o Concello de Carballo e a Secretaría de Estado de Seguridade para reforzar a colaboración e a coordinación entre a Garda Civil e a Policía Local en materia de seguridade cidadá, optimizando deste xeito os recursos humanos e materiais: aprobado por unanimidade.
  • Denominación de 32 rúas nos núcleos de Pedra do Sal (17), Arnados (8), Carballo (5) e Xoane da Estrada (2) que ou ben carecían de nome ou ben inducían a erro. As novas rúas de Pedra do Sal (Lema) serán Furnas, Baixos de Baldaio, Crebas, 8 de Maio, O Piñeiral, Vapor Solway, Paseo Pedra do Sal, Ángeles Alvariño, Mazaricos, O Xuncal, Biluricos, Carráns, Píllaras, Mariscadoras, Peóns, Camiño As Carreiras e Camiño As Saíñas. As de Arnados (Razo) denominaranse Mar Exeo, Mar Báltico, Xardas, Sargos, Quenllas, Sollas, Monte Peados e Xurelos. As de Carballo serán María Victoria Moreno, Urano, Ramón San Luis Romero, Curros Enríquez e Instituto. E as de Xoane da Estrada (Goiáns), Aciñeiras e Arandeiras. Aprobado por unanimidade.
  • Concesión de bonificacións de ICIO, IBIU e IAE a catro novas empresas. Os descontos acadarán o 95% en tres casos e o 70% no outro. Aprobada por unanimidade.
  • Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) no que respecta á determinación do complemento específico do profesorado do Conservatorio Profesional de Música. Aprobada por unanimidade.
  • Aprobación definitiva da conta xeral correspondente ao ano 2023, que rematou cuns ingresos de 45.164.807,21 millóns de euros e un superávit de 876.679,22. Aprobada coas abstencións dos dous grupos da oposición.

Compartir: