Carballo rende homenaxe ao pintor Francisco Miguel nun acto público de recuperación da nosa memoria histórica
Carballo rende homenaxe ao pintor Francisco Miguel nun acto público de recuperación da nosa memoria histórica
Domingo 29 de setembro do 2024
Lucía López e Ana Vázquez eran alumnas do IES Isidro Parga Pondal cando foron exhumados os restos de Francisco Miguel, Juan Boedo, Andrés Pinilla Fraga e o seu fillo Pedro Pinilla Calvete no cemiterio de Bértoa. Para elas non eran nomes descoñecidos, porque fixeran un traballo sobre as exhumacións coa súa profesora Basi Pacoret, pero asistir a unha en directo causoulles moita impresión. Pero o que máis as marcou foi o feito de que tivesen pasado tantas veces polo cemiterio de Bértoa sen saber que alí estaban soterradas catro vítimas da represión franquista.
Os testemuños destas dúas estudantes, agora universitarias, pecharon a xornada de homenaxe a Francisco Miguel organizada pola Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística coincidindo co 88º aniversario dos fusilamentos e co 1º aniversario da exhumación, e confirmaron a necesidade de seguir traballando pola recuperación e a divulgación, especialmente entre a mocidade, da nosa memoria histórica, porque, como dixo a concelleira Ángeles Pacoret na presentación, “sen memoria non hai historia”.
Máis de cincuenta persoas encheron as Escolas do Xardín Agra de Caldas nesta nova proposta que impulsamos dentro do proxecto Carballo na memoria, e que se converteu nunha xornada de reflexión colectiva, de homenaxe ás vítimas e de moitas emocións, especialmente durante a intervención de Dolores Pujol. Do mesmo xeito que seguiron día a día o proceso de exhumación, ela e o seu home, José Manuel Boedo, familiares de Juan Boedo, quixeron estar presentes tamén nesta xornada, na que contamos con Carolina Pacoret como moderadora.
Ao longo da tarde, que comezou cunha homenaxe de Xan Fraga Rodríguez a Trinidad Martínez, pola importancia que tivo á hora de recuperar a memoria colectiva que permitiu localizar o lugar do enterramento, escoitamos ao historiador carballés recitar, un a un, os nomes da longa lista de vítimas da represión no noso concello.
Soubemos tamén da importancia de Francisco Miguel como impulsor das vangardas artísticas galegas grazas aos testemuños da historiadora da arte Carmela Galego e do escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello, que desvelou a existencia de máis de corenta cadros do artista entre os fondos do Concello da Coruña, pero que incidiu sobre todo como a fraxilidade da memoria pode levar ao esquecemento de partes cruciais da nosa historia. Ese foi o caso do pintor Francisco Miguel, o artista esquecido e que nunca se chegou a estudar nas facultades de arte e que ata os anos noventa foi un gran descoñecido.
Na última mesa da tarde participaron catro persoas directamente relacionadas co proceso de exhumación. Carmen García-Rodeja, presidenta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica en Galicia, destacou a importancia dunha planificación común e puramente profesional para a recuperación da memoria histórica, xunto coa importancia de reparar ás familias nos traumas herdados. O investigador David Lozano explicou como se inicia un proceso de exhumación, e o arqueólogo Serxio Castro, moi crítico coas “leis de memoria, porque non protexen ás familias”, ofreceu detalles dos restos atopados no cemiterio de Bértoa: por exemplo, que os catro tiñan un proxectil de 6,35 milímetros no cranio, pero que o corpo do máis novo, Pedro Pinilla, tiña cinco máis por todo o corpo, probablemente porque foi o que máis se resistiu; ou que pasaron varios días tirados ata que o párroco e os veciños de Bértoa conseguiron reunir os cartos para os ataúdes; ou que foron soterrados con moito coidado...
Probablemente a historia destas catro vítimas seguiría soterrada de non ser polo testemuño que achegou María Díaz cando o equipo arqueolóxico estaba a piques de tirar a toalla. Ela estivo tamén no acto, para lembrar o que seu pai lle dixera que escoitara sendo neno, que os corpos estaban soterrados “tres pasos grandes cara adiante dende a nosa sepultura”.