Inicio Carballo ao día Novas Máis de 700 persoas participaron nas...

CARBALLO, NO CONGRESO DA REDE DE CIDADES QUE CAMIÑAN

Máis de 700 persoas participaron nas actividades da Semana Europea da Mobilidade

O concelleiro Juan Seoane valora especialmente a implicación da veciñanza da rúa Mahón e convida a outras vías ou barrios a sumarse coas súas propias propostas

Venres 27 de setembro do 2024

Alfredo Garrote, Juan Seoane, Milagros Lantes e Daniel Barreiro

Alfredo Garrote, Juan Seoane, Milagros Lantes e Daniel Barreiro

Carballo participa no XI Congreso da Rede de Cidades que Camiñan, que se celebra en Pamplona, xusto despois de pechar outra intensa Semana Europea da Mobilidade. Despois de recompilar os últimos datos, xa podemos facer balance: máis de 700 persoas participaron nas 16 actividades organizadas entre o 16 e o 22 de setembro, algunhas con prazas limitadas, por cuestións organizativas, e outras de acceso libre.

Carballo foi unha das 432 cidades españolas e das 1.691 de todo o mundo que participaron na Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa da Comisión Europea para promover o cambio de comportamento en favor dunha mobilidade activa e de solucións de transporte limpas e intelixentes, e cuxo lema foi este ano Espazo público compartido.

Carrilanas na rúa Mahón

Carrilanas na rúa Mahón

Coa finalidade de levar á práctica ese lema, ao longo da semana realizáronse seis rutas a pé, dúas en bicicleta, seis actividades lúdicas para nenos e nenas e dúas accións de sensibilización sobre o uso da bicicleta e sobre a accesibilidade universal. O concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, que está estes días en Pamplona xunto con Milagros Lantes, representante do Concello de Carballo na xunta directiva da Rede de Cidades que Camiñan; Daniel Barreiro, asesor da área de Planificación Urbana e Mobilidade, e Alfredo Garrote, arquitecto municipal, agradeceu a colaboración de entidades como Senda Nova, Club Ciclista Carballo, Íntegro, Facultade de Fisioterapia da UDC ou empresas coma Vegalsa, pero destacou especialmente a implicación, ano tras ano, da veciñanza da rúa Mahón, que reuniu ao longo da xornada a máis de cincuenta persoas, na súa maior parte nenos e nenas, para gozar coas carrilanas, xincanas ou coa visita da mascota da rúa, Dino Langostino.

Nese sentido, desde a Concellaría de Mobilidade faise un chamamento á veciñanza doutras rúas ou barrios para que se sume ás iniciativas pola mobilidade sostible facéndonos chegar as súas propias propostas de actividades, que contarán coa colaboración do Concello de Carballo e formarán parte do programa da próxima Semana Europea da Mobilidade.

Compartir: