Inicio Carballo ao día Novas O Concello avanza na tramitación para a...

O Concello avanza na tramitación para a cesión á Xunta de Galicia dos terreos precisos para ampliar o centro de saúde

Desde a Alcaldía téñense enviado xa dúas solicitudes de entrevista co conselleiro de Sanidade para concretar os prazos da nova infraestrutura

Martes 24 de setembro do 2024

Proxecto de urbanización das rúas da contorna do CIS

Proxecto de urbanización das rúas da contorna do CIS

O Concello de Carballo segue avanzando na tramitación para a cesión á Xunta de Galicia dos terreos escollidos pola Consellería de Sanidade para a ampliación do actual centro de saúde e a súa conversión nun CIS (Centro Integral de Saúde). Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este luns realizouse a aceptación, por parte do Concello de Carballo, das últimas parcelas obxecto de cesión anticipada pola propiedade: unha de 855 metros cadrados e outra de 251 metros cadrados.

De xeito paralelo, desde o Concello realizáronse os trámites para acometer a urbanización de toda a contorna do centro de saúde. Precisamente hoxe rematou o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas. A actuación permitirá, por unha banda, darlle continuidade á rúa Eduardo Mariño, e enlazar esta coa avenida do Ambulatorio.

As obras do CIS implican a transmisión en pleno dominio á Consellería de Sanidade dos terreos que albergarán o edificio, así como das vías que a circundan e a súa urbanización por parte do concello de Carballo en virtude do protocolo de actuación asinado o 21 de decembro de 2022. Os terreos polos que descorrerán as futuras vías pertencen ao Concello de Carballo en virtude dun convenio urbanístico de xestión asinado entre esta Administración e o seu anterior propietario que foi aprobado e ratificado o 23 de outubro de 2023 e publicado no DOG núm. 224 de 24 de novembro de 2023. O Concello de Carballo investirá nesta actuación 250.000 euros.

Á vista de que as xestións por parte da Administración local están moi avanzadas, desde a Alcaldía solicitouse o 28 de agosto unha reunión co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e dado que no houbo resposta algunha, a petición volveu ser reiterada este luns, co obxectivo de coñecer de primeira man as previsións da Xunta de Galicia con respecto á construción do CIS.

Compartir: