Os concellos de Carballo e Coristanco preparan a posta en marcha do proxecto dual de emprego “Obradoiro Lubiáns”
Luns 23 de setembro do 2024
Os concellos de Carballo e Coristanco están a traballar na posta en marcha do Obradoiro Lubiáns, un primeiro obradoiro dual de emprego conxunto co que arrinca unha experiencia de colaboración á que pretendemos darlle continuidade neste e noutros ámbitos.
Evencio Ferrero e Juan García, alcaldes de Carballo e Coristanco, participaron nunha xuntanza de traballo con Iván Andrade, concelleiro de Formación e Emprego de Carballo; Enrique Tasende, concelleiro de Obras de Coristanco, e persoal técnico de ámbolos dous concellos, na que se abordou a posta en marcha do proxecto, subvencionado pola Consellería de Emprego con 308.946 euros para a formación de 15 alumnos/as traballadores/as.
O Obradoiro Lubiáns formará na especialidade de carpintaría de madeira a 15 persoas desempregadas dos concellos Carballo e Coristanco. A convocatoria para o alumnado realizarase a través Servizo de Emprego Público de Galicia. As persoas que completen a formación acadarán un certificado de profesionalidade de nivel 2, polo que para acceder á selección deben contar coa titulación correspondente. De xeito paralelo procederase á selección do equipo docente mediante convocatoria pública a través dos medios habituais.
De feito, a parte práctica do proxecto consiste na fabricación e renovación de mobiliario para edificios públicos dos dous concellos: no de Carballo, os centros sociais de Bértoa, Entrecruces, Verdillo e Artes, e no de Coristanco, os centros sociais de Cereo, Erbecedo e Oca, así como o exterior do Museo da Pataca de Santa María de Traba e do complexo deportivo e escolar Xosé Pichel.
A duración dos obradoiros duais de emprego está establecida en nove meses, ao longo dos cales as persoas participantes terán un contrato de traballo de formación en alternacia, polo que percibirán o salario correspondente. O inicio desta nova acción formativa está previsto para o 2 de decembro.