Inicio Carballo ao día Novas O Concello recupera a figura do pintor Francisco...

SÁBADO 28 DE SETEMBRO

O Concello recupera a figura do pintor Francisco Miguel no cabodano da exhumación dos seus restos en Bértoa

No 88º aniversario do fusilamento, Carballo acollerá unha xornada sobre memoria democrática e varias actividades paralelas

Venres 20 de setembro do 2024

O 3 de agosto de 1936, o pintor coruñés Francisco Miguel Fernández Díaz foi detido, acusado de actuar contra o réxime militar golpista. O seu cadáver apareceu o 28 de setembro en Bértoa, xunto cos de Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga e o seu fillo Pedro Pinilla Calvete. Os catro foron soterrados no cemiterio parroquial de Bértoa. Oitenta e sete anos despois, en setembro de 2023, a excavación arqueolóxica realizada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) facía posible a exhumación destas catro vítimas da represión franquista.

Coincidindo co aniversario deste feito histórico, a Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística ten programadas unha serie de actividades que presentaron hoxe a concelleira Ángeles Pacoret e o alcalde, Evencio Ferrero, acompañados polo historiador Hadrián García, encargado de deseñar os materiais didácticos. Porque desde o Concello de Carballo queremos facer partícipes tamén aos centros educativos.

Así, a proposta inclúe unha unidade didáctica dirixida a nenos/as de terceiro a sexto cursos de primaria e outra de tipo audiovisual para o alumnado de secundaria. Este material faráselle chegar a todos os centros interesados para que tamén nas aulas se poida traballar sobre a importancia da figura de Francisco Miguel e sobre unha época histórica como a franquista. E tamén se lles proporá, dentro dunha iniciativa denominada ReCrearte, que recreen as obras do pintor coruñés para poder realizar posteriormente unha exposición en cada centro educativo e/ou nun edificio municipal.

O programa pretende ser interxeracional, e por iso tamén se inclúe un obradoiro de batik, unha técnica artística que practicou Francisco Miguel, para o propio sábado 28 pola mañá. Está destinado a mocidade e persoas adultas, e as interesadas poden anotarse enviando un correo cos seus datos a comunicacion@carballo.gal. Hai 15 prazas e cubriranse por orde de solicitude.

A peza central será a xornada do sábado 28 á tarde, que reunirá nas Escolas do Xardín Agra de Caldas a Xan Fraga, historiador, profesor e escritor; Carmela Galego, historiadora da arte; Miguel Anxo Fernán-Vello, escritor e editor; Carmen Rodeja, investigadora; David Lozano, investigador; Serxio Castro, arqueólogo, e María Díaz, veciña de Bértoa. Todos e todas con vinculación directa coa exhumación dos restos dos catro fusilados.

Para participar na xornada, que se desenvolverá a partir das 17.00 horas, tamén se precisa inscrición, que pode realizarse enviando un correo a comunicacion@carballo.gal.

Vídeos

Compartir: