Xosé María Lema presentou en Verdillo a súa publicación na que recolle o traballo de investigación sobre o topónimo
O Concello de Carballo editou o estudo para poñelo a disposición da veciñanza
Venres 13 de setembro do 2024 Lingua
A histórica polémica sobre a grafía do topónimo que dá nome á parroquia de San Lourenzo centrou a segunda sesión das Xornadas de microtoponimia organizadas pola Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística. Aínda que xa no 2022 se presentou no consello parroquial o informe do Seminario de Onómástica da Real Academia Galega no que se conclúe que debe ser Verdillo e non Berdillo, este xoves achegouse ata a parroquia o seu autor, o historiador Xosé María Lema Suárez, para explicar, dun xeito moi didáctico, como e por que se chegou a esa conclusión.
A presentación, á que asistiron máis de medio cento de persoas, entre elas o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira Ángeles Pacoret, incluíu non só a detallada exposición de Xosé María Lema, senón tamén a difusión do seu informe, editado polo Concello de Carballo para poñelo a disposición da veciñanza. As persoas interesadas aínda poderán solicitalo, ata fin de existencias, tanto no centro social de Verdillo coma nas bibliotecas municipais. Tamén pode descargarse ao final desta nova.
O cambio efectivo no nomenclátor está pendente da Xunta de Galicia, que debe aprobar os cambios propostos polo Seminario de Toponimia tanto neste coma noutros moitos casos en toda a comunidade autónoma. "Hoxe é un día histórico", dixo Veni Serrano, secretario do consello parroquial de Verdillo, que presentou o acto xunto con Belén Mato, presidenta da asociación Arume.
A segunda das Xornadas de microtoponimia rematou cunha actuación da Escola de Regueifa de Carballo, cuxos integrantes fixeron un chamamento ás persoas asistentes para que se sumen á que xa é unha “gran familia” de regueifeiros e regueiferas de todas as idades e das máis variadas procedencias.