As obras de Augas de Galicia manterán pechado un mes o treito do paseo do Anllóns entre as rúas Fomento e Río
Mércores 11 de setembro do 2024
As obras que realiza Augas de Galicia no Parque do Anllóns obrigará a pechar a partir do día 16 o treito do paseo comprendido entre as rúas Fomento e Río para proceder á reconstrución da ponte e da propia senda fluvial. O peche manterase, aproximadamente, durante un mes, segundo os cálculos da empresa construtora, e afectará tanto a viandantes coma ás persoas que utilizan esa zona para o acceso a garaxes.
En canto a estes últimos, é especialmente importante que saquen o vehículo do garaxe antes do inicio das obras, xa que está previsto abrir unha gabia de máis de catro metros de profundidade, polo que mentres duren os traballos non se poderá entrar nin saír. Tal como figura nos carteis colocados pola empresa nos edificios da zona, o corte será continuado desde as 07.00 horas do 16 de setembro ata as 19.00 horas do 11 de outubro.
O tránsito peonil nese treito do paseo tamén quedará cortado, neste caso ata que se proceda á reconstrución da ponte e do propio paseo fluvial.