Inicio Carballo ao día Novas O servizo de socorrismo pecha a tempada de praias...

O servizo de socorrismo pecha a tempada de praias cun balance de 10 salvamentos e 288 persoas atendidas

A Concellaría de Medio Ambiente, Servizos, Praias e Protección Civil prepara un proxecto para mellorar a accesibilidade aos areais

Mércores 11 de setembro do 2024

A unidade de salvamento acuático rematou esta fin de semana o traballo nas praias, despois de tres meses caracterizados pola inestabilidade meteorolóxica, xa que practicamente houbo tantos días despexados coma anubrados, e por unha elevada afluencia de visitantes, que se traduce nun balance do servizo que inclúe 10 salvamentos e 288 persoas atendidas nos postos de socorrismo, fundamentalmente por picaduras de escarapote e pequenas feridas. O ano pasado as carabelas portuguesas fixeron estragos, pero este verán chegaron a última hora e practicamente sen causar incidencias.

Por primeira vez nos últimos anos, este ano cubríronse as 32 prazas de socorristas convocadas polo Concello de Carballo. Esta fin de semana pecharon os postos de salvamento despois de colocar salvavidas e carteis informativos en puntos estratéxicos dos nosos areais para que as persoas que os visiten tomen as medidas oportunas e eviten o baño.

A despedida da unidade de salvamento acuático, que este ano non só contou con máis medios humanos senón tamén con máis e mellores medios materiais, coincidiu co peche da bibliopraia A praia dos libros, que se instalou un ano máis en Razo, e co remate das actividades do programa medioambiental Eu quero Razo-Baldaio.

Este verán volveu ondear a bandeira azul nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo como símbolo da boa calidade das augas de baño, dos areais e dos servizos que prestamos aos usuarios e usuarias. A calidade ambiental e a excelencia na prestación dos servizos son os eixos arredor dos que xira a acción da Concellaría de Medio Ambiente, e por iso en Carballo tamén ondea nas nosas praias outra bandeira, a do Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría (EMAS).

Nese sentido, as cinco zonas de baño do noso litoral que están controladas sanitariamente (Pedra do Sal, Razo, Arnados, Ría de Baldaio e Saíñas) acadaron a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria remitida pola Consellería de Sanidade.

De cara aos vindeiros meses e á próxima temporada estival, a Concellaría de Medio Ambiente traballa xa nun proxecto de mellora da accesibilidade que incluirá a instalación dunha plataforma accesible na zona da explanada.

Compartir: