Inicio Carballo ao día Novas Nove concertos, exposición e...

19, 20 E 21 DE SETEMBRO

Nove concertos, exposición e presentacións literarias para celebrar os 27 anos do XiriaPop

Martes 17 de setembro do 2024 Cultura

Xabier Graña, Maruxa Suárez e Evencio Ferrero presentaron o cartel

Xabier Graña, Maruxa Suárez e Evencio Ferrero presentaron o cartel

O XiriaPop celebrará do 19 ao 21 de setembro a súa 27ª edición, que chega cargada de música e este ano, ademais, de actividades complementarias coma unha exposición de fotografía e dúas presentacións literarias. O promotor do festival, Xabier Graña; a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentaron o cartel, que, un ano máis, inclúe bandas que dificilmente poden escoitarse noutros escenarios. "Hai unha cultura de persoas que están esperando o XiriaPop, que ao mellor non coñecen os grupos pero saben que van ser bos", apuntou o alcalde.

O veterano festival, promovido pola asociación O Molete Psicopop e organizado pola Concellaría de Cultura, presenta un colorido cartel con nove concertos repartidos entre os días 20 e 21 nos que teremos “coma sempre, variedade, e, coma sempre, moita calidade”, apunta Xabier Graña, alma máter do festival.

Polo Casino1889, que renova un ano máis a súa colaboración como sede do XiriaPop, pasará unha boa representación galega, estatal e internacional de grupos alternativos. Así, poderemos escoitar a Pablo Leira (Ferrol), Lunamotos (Cedeira), The Bo Derek’s (Vigo), Carolina Otero & The Someone Elses (Valencia), Pablo Solo (Cantabria), Eh, Mertxe! (País Vasco), Holiday Ghosts (Brighton-Inglaterra), que tocarán por primeira vez en Galicia, e The Stems (Perth-Australia), que elixiron Carballo como unha das paradas da xira europea que están a realizar para celebrar os seus 40 anos de vida.

O abono para os concertos nocturnos é de 20 euros, e pode adquirirse de xeito anticipado aquí. O resto das actividades serán de balde.

Coma nas tres edicións anteriores, neste 2024 tamén haberá sesión vermú. Será o sábado 21 ás 13.30 horas, no Logradouro, co noveno participante neste XiriaPop, Jacinto Martos, ex baixista de Pepsi & The Clits.

Neste 27º aniversario tamén se suma ao festival a Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística con varias actividades. O día 19, ás 20.00 horas, será inaugurada na Biblioteca Rego da Balsa a exposición Desde o meu punto de vista, unha escolma de fotografías de concertos de Óscar Caamaño, entre elas varias realizadas en anteriores edicións do XiriaPop.

A biblio acollerá tamén dúas presentacións literarias. O día 20, ás 19.30 horas, Carolina Otero estrea o seu poemario La canción de la chica Cheiw, no que participan as carballesas Rosalía Fernández e Silvia Tasende, e o sábado 21 Óscar Avendaño presentará Lo tengo en vinilo, nun acto no que estará acompañado polo mítico xornalista musical J.F. León.

Ligazóns

Compartir: