O plan de renovación dos parques infantís continúa na Praza do Concello cunha actuación integral
O proxecto “Carballo para a infancia” terá unha segunda fase con investimentos que superan o millón e medio de euros
Martes 3 de setembro do 2024
Os antigos xogos do parque infantil xa foron retirados
Despois das reformas integrais realizadas no que vai de ano nos parques da Ponte de Bértoa, Razo, Praza Eduardo Pondal e Praza da Milagrosa e da construción dunha nova área de xogos en Artes, o plan de renovación integral dos parques infantís, que impulsa a Concellaría de Servizos, continúa na Praza do Concello.
Nas vindeiras semanas executarase a terceira actuación incluída no proxecto Carballo para a infancia, que varía de xeito substancial con respecto á idea inicial debido a que a desaparición da vella palmeira do xardín permite ampliar a zona de xogos. Esta mesma semana, a modificación do contrato foi aprobada pola Xunta de Goberno Local, e onte comezaron os traballos de desmantelamento dos vellos xogos.
A actuación que se desenvolverá na Praza do Concello suporá unha reforma integral e un novo concepto de parque, no que se delimitarán distintas zonas de xogos en función das idades dos seus usuarios e usuarias. Deste xeito, partindo da pista polideportiva, que precisamente se cambiou de emprazamento dentro do proxecto de redistribución do espazo, haberá xogos para nenos/as desde 12 anos ata bebés. Precisamente os máis pequenos disporán dunha zona específica, na parte alta da praza, separada do resto. Ademais, o espazo ocupado pola palmeira acollerá agora unha torre con redes de escalada.
Pero o proxecto Carballo para a infancia terá continuidade, por unha banda cunha actuación de renovación, acondicionamento e certificación de todos os parques infantís do concello, e, por outra, coa creación de tres parques temáticos noutros tres espazos urbanos. O investimento previsto, e consignado xa no orzamento municipal, supera o millón e medio de euros.