O Concello de Carballo inviste máis de 1 millón de euros nas obras de aglomerado de tres vías consideradas estruturais
As Labradas-A Ponte de Bértoa empezará en breve; Arnados-Sambade está en fase de adxudicación e Pereiro Vello-Outón sae a licitación
Domingo 1 de setembro do 2024
Imaxe das obras da Canosa ao Pereiro Vello, realizadas no 2021
O Concello de Carballo acometerá nos vindeiros meses tres importantes proxectos viarios cun investimento de 1.104.078,11 euros. O obxectivo das actuacións é seguir acondicionando as vías consideradas estruturais, ben polo intenso uso que teñen ou ben por unir parroquias, aumentando o ancho da calzada cando é posible e pavimentándoa en todos os casos con aglomerado en quente.
As Labradas-A Ponte de Bértoa
Antes de que remate o ano podería estar materializado xa o primeiro proxecto, que enlaza As Labradas (Carballo) coa Ponte de Bértoa. As obras, que teñen un orzamento de 207.666,23 euros, foron adxudicadas á empresa Vázquez y Reino e o seu comezo é inminente. O prazo de execución previsto é de tres meses.
As obras, que teñen como finalidade regularizar o trazado e mellorar a seguridade viaria, consistirán na limpeza das gabias ao longo dos 2.050 metros de vía, que nalgúns puntos poderá ampliarse para conseguir unha media de seis metros de ancho en todo o percorrido. Posteriormente procederase ao estendido dunha nova capa de rodaxe con mestura bituminosa en quente de cinco centímetros. En total pavimentarase unha superficie de 12.900 metros cadrados. Tamén están incluídas a drenaxe de pluviais e a sinalización horizontal e vertical.
Arnados-Sambade
En breve será adxudicado tamén o proxecto de Arnados (Razo) a Sambade (Rebordelos), ao que optan catro empresas e que ten un orzamento de 576.614 euros. A actuación será moi semellante á anterior, con ampliación do ancho da calzada onde sexa posible, limpeza de gabias e unha capa de aglomerado nunha superficie de 26.000 metros cadrados.
Ao longo dos 4.675 metros de vía tamén se procederá á drenaxe de pluviais e á sinalización horizontal e vertical. Ademais, está prevista a construción de dous muros de coieira de 20 e 40 metros de longo e 1 de alto no treito comprendido entre os lugares do Igrexario e Sambade, e no lugar de Arnados construirase unha senda peonil, na marxe esquerda, nunha lonxitude de 230 metros. Tanto en Arnados coma no Igrexario de Lema está previsto realizar a pavimentación con formigón, seguindo o modelo que estamos a utilizar nos núcleos rurais tradicionais.
Pereiro Vello-Outón
A terceira actuación en marcha é a segunda fase da vía que enlaza as parroquias de Rus e Entrecruces. Despois do investimento realizado entre A Canosa e O Pereiro Vello, que superou os 230.000 euros, agora mesmo está en licitación o treito que vai desde O Pereiro Vello ata Outón, cun orzamento de 391.797,88 euros. O investimento total nesta vía superará, polo tanto, os 600.000 euros.
A actuación desenvolverase ao longo de 3.330 metros de vía do mesmo xeito que as anteriores, con limpeza de gabias, drenaxe e estendido de aglomerado nunha superficie de 22.725 metros cadrados. Na zona de cruce da vía cos ríos Calvos e Vilar de Cima está previsto un sobreancho de un metro por cada marxe. No lugar do Outón será preciso construír un muro de coieira de 35 metros de lonxitude e algo menos de 3 de alto.
As empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o 25 deste mes.