Inicio Carballo ao día Novas Avelino González, Xograr de Outono do FIOT...

Avelino González, Xograr de Outono do FIOT 2024

Mércores 21 de agosto do 2024 Cultura

Avelino González, interpretando a Carlos O Xestal en

Avelino González, interpretando a Carlos O Xestal en "Apaga o candil"

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2024 o premio Xograr de Outono a Avelino González, o noso Xestal particular. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia e no Estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas.

Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar ao actor e narrador Avelino González. No seu fallo, o xurado destacou ao artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “porque representa as características dun auténtico xograr, pola diversidade artística do seu perfil, xa que Avelino é, ademais de actor, un pioneiro da narración oral e un dos narradores máis relevantes da nosa terra, así como un recoñecido tradutor”. Como o propio artista indica “son actor, contador, monologuista, tradutor; son... o que faga falta. Empecei nisto por casualidade e agora gústame, mesmo, picar entradas. Gústame entreter á xente con personaxes e historias que emocionen e divirtan, porque a min tamén me gusta que me emocionen e divirtan”.

O xurado remarcou, tamén, que Avelino González “é unha das personalidades máis carismáticas e queridas da cultura galega, cun espírito implicado e inquedo, apaixonado do teatro galego e moi coñecido e aplaudido polo público do FIOT e de Carballo, pola súa presenza habitual nos nosos escenarios, tanto  no Auditorio do Pazo da Cultura como no antigo Cine Rega, da man de compañías como OllomolTranvía, Teatro do Aquí e Contraproduccións; e, tamén, da Rúa dos Contos do FIOT, cos seus espectáculos propios”.

Avelino González recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, collendo o relevo da comunicadora cultural e escritora Ana Romaní, premiada en 2023.

Ligazóns

Compartir: