A Xunta de Goberno Local aproba subvencións por importe de 75.000 euros para catro entidades empresariais
Na sesión ordinaria celebrada este luns tamén foron aprobadas varias licenzas urbanísticas, entre elas a correspondente á ampliación do centro de día de Aspaber
Luns 12 de agosto do 2024
A Xunta de Goberno Local aprobou este luns a concesión de subvencións a catro entidades empresariais por un importe total de 74.999,40 euros. As axudas, convocadas de xeito anual pola Concellaría de Promoción Económica para impulsar a dinamización, os programas de formación e as actividades que desenvolven as asociacións de empresarios e comerciantes, repártense nesta ocasión do seguinte xeito:
- Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo: 30.000 euros, que se destinarán, segundo a memoria presentada pola entidade, ao financiamento da xerencia e a animación comercial.
- Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober): 22.076,60 euros, que investirán en actividades de difusión, formación, promoción e apoio ao tecido empresarial local, así como á organización de actividades como Berocasión ou Axober Work Party.
- Asociación As Eiroas de Empresarios e Propietarios do Polígono de Bértoa: 18.922,80 euros, que servirán para financiar a Feira Sinerxias.
- Asociación Hostelería Carballo: 4.000 euros, destinados a formación.
A través desta liña de axudas, o Concello de Carballo quere seguir contribuíndo á revitalización dos diferentes sectores económicos. Dende o ano 2015, no que se convocaron por vez primeira, os recursos destinados a financiar as actividades das asociacións empresariais e comerciais aumentaron un 177%, pasando de 27.000 a 75.000 euros.
Outros acordos
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe a programación de Apego para o último trimestre do ano, varias solicitudes de vaos e licenzas urbanísticas, entre elas a correspondente á ampliación do centro de día de Aspaber, situado na Brea. O proxecto inclúe, e concreto, a ampliación da planta baixa nunha superficie de 66,14 metros cadrados e a construción dunha planta alta de 261 metros cadrados; así como a mellora das dependencias actuais.