O pleno aproba por unanimidade a imposición de penalidades á concesionaria do lixo polas deficiencias no servizo
Todas as propostas debatidas na sesión ordinaria de xullo saíron adiante sen ningún voto en contra
Martes 30 de xullo do 2024
A corporación municipal aprobou por unanimidade a proposta do goberno municipal para iniciar o expediente que permita impoñer sancións á empresa concesionaria do servizo de recollida e xestión do lixo polo incumprimento do contrato. Todos os grupos coincidiron na gravidade da situación e na necesidade de adoptar as medidas necesarias para obrigar á empresa a prestar o servizo nas debidas condicións. Tamén foi unánime o desexo de que as negociacións entre empresa e traballadores, que xa teñen data para sentarse a dialogar, cheguen a bo porto e permitan dar por rematado este conflito laboral.
Todas as propostas debatidas na sesión ordinaria de xullo saíron adiante sen votos en contra. O convenio regulador do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte foi aprobado por unanimidade, do mesmo xeito que os festivos locais para o ano 2025, que serán os días 24 e 25 de xuño, e a modificación do PXOM necesaria para o cambio de uso da antiga escola unitaria de Gontade (Ardaña), que se estreará o vindeiro curso como centro de educación especial.
En canto á modificación da ordenanza reguladora das taxas pola utilización das instalacións deportivas municipais e os servizos deportivos, os seis concelleiros e concelleiras da oposición presentes no pleno (4 do PP e 2 do PSOE) abstivéronse, aínda que todos coincidiron na necesidade de adaptar as tarifas e de diminuír o déficit. O concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, explicou que, malia a actualización, as taxas continúan nos niveis máis baixos de Galicia, unha decisión “política” que pretende facilitar o acceso de toda a poboación á práctica deportiva.
O PP presentou un rogo
O PP tamén se abstivo en relación á aprobación da segunda fase do POS+Adicional 2024, da Deputación da Coruña. Os populares presentaron un rogo pedindo o arranxo da escultura O escalo, de Manuel Facal, situada no polígono industrial de Bértoa, e o alcalde expresou a coincidencia do goberno coa proposta e comprometeuse a telo en conta na elaboración dos orzamentos do 2025.