A proposta de sanción á empresa concesionaria da xestión do lixo será o tema central do pleno ordinario de xullo
A corporación tamén aprobará os festivos locais para o 2025, a actualización das taxas pola utilización de instalacións deportivas e o POS+Adicional
Mércores 24 de xullo do 2024
Evencio Ferrero e Daniel Pérez, na rolda de prensa
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes e Participación Veciñal, Daniel Pérez, deron conta hoxe dos asuntos que abordará a corporación municipal no pleno ordinario do luns 29 de xullo. Como xa é coñecido, o tema central será a imposición de sancións á empresa concesionaria do servizo de recollida e xestión do lixo polo incumprimento do contrato. “O Concello de Carballo ten un contrato cunha empresa que obriga ás dúas partes. A nós, ao pago do servizo, e así o facemos puntualmente, e á empresa, a recoller o lixo, e é evidente que non o está facendo”, dixo o alcalde.
Evencio Ferrero explicou que o goberno municipal leva celebradas tres reunións cos representantes dos traballadores, ademais de manter diversos contactos coa empresa, e que, malia o alonxadas que están as posturas dunha e doutra parte, agarda “que haxa vontade de acordo antes do 11 de agosto, para o que está convocada unha nova folga. Pero é un acordo entre dúas partes, empresa e traballadores. O Concello ten que xogar as súas bazas, e unha delas é a proposta que levamos ao pleno”, explicou.
O resto dos asuntos incluídos na orde do día son os seguintes:
- Aprobación do convenio polo que se establecen as bases de cooperación entre a Deputación Provincial da Coruña e os concellos de A Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cee, Coristanco, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas para regular o proxecto do Parque Arqueolóxico do Megalistismo na Costa da Morte. O obxectivo é renovar o acordo para dar cabida a dous novos concellos: Coristanco e Cee.
- Determinación dos festivos locais para o ano 2025. Serán os días 24 e 25 de xuño, martes e mércores.
- Modificación puntual número 10 do PXOM. Cambio de cualificación urbanística dos equipamentos denominados pista deportiva e EEI de Gontade. Aprobación inicial. Evencio Ferrero explicou que no seu momento realizouse a desafectación da antiga escola unitaria de Gontade, na parroquia de Ardaña, coa finalidade de cedela á cooperativa de familias Lenda Educativa para o seu uso como centro de educación especial, co compromiso das propias familias e da Consellería de Educación. Para poder darlle ese novo uso é imprescindible acometer o trámite urbanístico que se iniciará no pleno do luns.
- Modificación da ordenanza fiscal número 22: taxas pola utilización das instalacións deportivas municipais e prestación de servizos deportivos. Neste caso trátase, como explicou Daniel Pérez, de actualizar a ordenanza por primeira vez en dez anos, por unha banda, para reducir o déficit da prestación de servizos deportivos, que acada os 381.288,49 euros, e, pola outra, para fomentar a práctica do deporte, como pilar dunha vida máis saudable, entre todos os membros da familia. Así, por exemplo, o abono familiar pasa de 21,74 a 26 euros e o individual, de 16,31 a 19, pero tamén hai casos nos que baixan as taxas, como nas familias numerosas, tanto polo uso da piscina coma no uso combinado de piscina e sala fitness. A matrícula mantense nos 20 euros e as entradas soltas para as piscinas pasan, por exemplo, de 3,5 a 4 euros para adultos, de 2 a 2,5 para menores de 18 anos e de 2,5 a 3 para maiores de 60. “Aínda así, seguimos tendo as tarifas das máis baixas de Galicia, e mesmo de concellos moito máis pequenos que o noso”, comentou o alcalde. Esta actualización permitirá reducir o déficit nuns 100.000 euros.
- Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal POS+Adicional 2/2024 2ª fase. Ao Concello de Carballo correspóndenlle 1.078.485,50 euros, dos cales 278.749,18 irán destinados a gasto corrente de tipo social. A cantidade restante repartirase entre dous proxectos de obras, aprobadas xa por decreto, do que se dará conta tamén no pleno: a pavimentación do núcleo rural de Imende (Noicela), cun orzamento de 434.808,04 euros, e melloras na rede de saneamento de varias parroquias, por 364.928,28 euros.