Inicio Carballo ao día Novas O goberno municipal propón ao pleno a...

O goberno municipal propón ao pleno a imposición de penalidades á concesionaria do lixo polas deficiencias no servizo

As inspeccións diarias realizadas pola Policía Local constatan o incumprimento dos servizos mínimos durante a folga de xullo

Sábado 20 de xullo do 2024

A Policía Local constatou o incumprimento dos servizos mínimos

A Policía Local constatou o incumprimento dos servizos mínimos

Entre os asuntos que abordará a corporación municipal no pleno ordinario do 29 de xullo figura unha proposta do grupo de goberno para incoar o procedemento que permita, se procede, a imposición de penalidades á empresa concesionaria do servizo de recollida e xestión do lixo por “cumprimento defectuoso do contrato”. Segundo a proposta de acordo, o Concello de Carballo dará audiencia á sociedade UTE Carballo e á entidade bancaria avalista do contrato para que, no prazo establecido, presenten os documentos e/ou alegacións que consideren convenientes, en cuxo caso solicitarase o informe correspondente aos servizos técnicos municipais.

Para o goberno municipal, o servizo público de recollida de residuos sólidos urbanos é esencial para a comunidade e o mantemento dunhas condicións fundamentais de salubridade durante as xornadas de folga reviste interese xeral, e, por ese motivo, para as xornadas de folga convocadas polos/as traballadores/as durante os meses de xuño e xullo establecéronse uns servizos mínimos que deberían prestarse por parte da empresa adxudicataria e que, segundo o informe emitido pola Policía Local tras realizar un seguimento das rutas de recollida establecidas, non se cumpriron.

Segundo o prego de cláusulas administrativas do contrato asinado no ano 2012 entre o Concello e UTE Carballo, as faltas cometidas polo contratista penalizaranse con multas que abranguen desde os 600 euros, nos casos máis leves, ata os 300.000, nos máis graves. Neste caso, os servizos técnicos municipais consideran que a infracción debería ser tipificada como moi grave, polo que, coa actualización do IPC previsto tamén no contrato, a sanción podería ir desde os 32.648,92 ata os 326.477,87 euros.

O prego establece tamén o protocolo que debe seguir o Concello de Carballo, e que se corresponde coa proposta que se presentará no pleno, e ademais sinala que, a maiores das penas económicas que poidan impoñerse, a Administración local poderá descontar “as deducións que correspondan polos servizos non realizados, medios non aplicados, servizos prestados con calidade deficiente, etc”.

Compartir: