PLAN DE XESTIÓN DO RISCO DE INUNDACIÓN
As obras da ponte de Isabel II manterán pechado á circulación rodada o carril de acceso a Carballo a partir do martes 9
O corte non afectará á circulación rodada cara Coristanco nin ao tránsito peonil
Xoves 4 de xullo do 2024
No círculo vermello, o edificio que se vai derrubar
Dentro do plan de xestión do risco de inundación nas beiras do Anllóns que leva a cabo a Xunta de Galicia coa colaboración do Concello de Carballo, xa están en marcha os preparativos para a demolición do edificio da rúa Fomento que invade a canle do río e que foi adquirido polo concello con esa finalidade. Augas de Galicia investirá agora 1.847.000 euros para acometer un proxecto que inclúe, ademais do derrubo do inmoble e da ponte actual, a construción dunha nova ponte con dous carrís de circulación e beirarrúas, unha senda inundable na beira do río e novos accesos ao paseo fluvial, tanto desde a rúa Fomento coma desde a Avenida de Fisterra.
As obras, que foron adxudicadas á construtora Copasa, teñen un prazo de execución de oito meses. Segundo vén de comunicar a empresa ao Concello de Carballo, os traballos arrincarán o luns 8 de xullo coa colocación da sinalización. A partir do martes 9 quedará pechado ao tráfico rodado o carril de acceso a Carballo, pero os vehículos poderán seguir circulando en dirección a Coristanco. Tamén se manterá o tránsito peonil en ámbolos dous sentidos.
Esta situación manterase, segundo os cálculos da empresa, durante un mes, aproximadamente. Ao longo deste tempo poden producirse outros cortes puntuais que, en todo caso, Copasa comprométese a comunicar coa debida antelación.
Ponte da Lagoa
Na outra ponte que está en obras, a da Lagoa ou da Milagrosa, a UTE formada por Seranco SAU e Cycasa Canteras y Construcciones SA avanza na execución dos traballos, que empezaron en febreiro e tamén teñen un prazo de execución é de oito meses. Segundo a planificación da empresa, a ponte actual será desmontada nas vindeiras semanas. Para mediados de agosto agárdase a chegada da nova estrutura, e, se todo vai segundo o previsto, a principios de outubro podería reabrirse á circulación, tanto peonil coma rodada.
A área de Planificación Urbana, Policía e Mobilidade e Policía mantén o plan de tráfico que se puxo en marcha coincidindo co arranque das obras na Milagrosa, e que xa proposta que inclúe as medidas necesarias para minimizar no posible os problemas de tráfico derivados tanto do corte da ponte da Lagoa coma da ponte de Isabel II.
Desde o Concello de Carballo agradecemos a paciencia e a colaboración da veciñanza. Agardamos que o desenvolvemento das obras sexa rápido e que a coincidencia dos traballos nas pontes da rúa Sol e da Casilla sexa o menor tempo posible.