Inicio Carballo ao día Novas Aprobados o acordo regulador e o convenio...

Aprobados o acordo regulador e o convenio colectivo que regulan as condicións laborais do persoal municipal

O pleno gardou dous minutos de silencio, un polo ex alcalde de L’Isle Jourdain Alain Tourné e outro polas últimas vítimas mortais da violencia machista

Martes 2 de xullo do 2024

O pleno gardou dous minutos de silencio, un polo ex alcalde de L’Isle Jourdain Alain Tourné e outro polas últimas vítimas mortais da violencia machista

O pleno gardou dous minutos de silencio, un polo ex alcalde de L’Isle Jourdain Alain Tourné e outro polas últimas vítimas mortais da violencia machista

A corporación municipal iniciou o pleno deste luns con dous minutos de silencio, un polo pasamento do ex alcalde de L'Isle Jourdain Alain Tourné, que deixa moitas amizades en Carballo, e outro polas seis vítimas mortais da violencia machista durante a fin de semana.

A sesión correspondía ao mes de xuño, pero retrasouse unha semana pola coincidencia do último luns de mes co día de San Xoán, festivo local. Na orde do día figuraban cinco asuntos, que foron debatidos e aprobados en menos de media hora e sen debate.

Tras a acta da sesión anterior, a corporación aprobou a proposta para non admitir a trámite unha solicitude formulada por un particular relativa a un convenio urbanístico asinado no ano 1993 e ao seu desenvolvemento posterior. O acordo foi adoptado con 15 votos a favor (13 do BNG e 2 do PSOE) e as abstencións dos catro edís do PP presentes no pleno, ao que non asistiron nin Isabel Cotelo e Javier Calvelo.

No punto seguinte, relativo a un recoñecemento de facturas pendentes por importe de 35.188,07 euros, abstivéronse socialistas e populares.

O acordo regulador de condicións de emprego do persoal funcionario e o convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Carballo foron aprobados por unanimidade. A principal modificación con respecto aos anteriores é a redución da xornada laboral a 35 horas semanais.

No apartado de rogos e preguntas o PSOE desistiu do rogo que tiña presentado sobre a pista multideporte porque a súa solicitude xa estaba atendida previamente, e só se formulou unha pregunta, tamén por parte dos socialistas, sobre a seguridade na zona destinada ás atraccións de San Xoán. O concelleiro de Policía, Juan Seoane, detallou todas as medidas aplicadas.

O alcalde pechou a sesión a piques de dar as 21.00 horas expresando o agradecemento da corporación á comisión de festas polo programa de actos desenvolvidos e pola excelente resposta da veciñanza.

Compartir: