Inicio Carballo ao día Novas A Xunta de Goberno ratifica os dous convenios...

A Xunta de Goberno ratifica os dous convenios urbanísticos para poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos do CIS

Tamén aprobou de xeito inicial a delimitación poligonal da unidade de solo urbano non consolidado sito na zona da rúa Bos Aires

Luns 1 de xullo do 2024

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria celebrada este luns a ratificación dos dous convenios urbanísticos que permitirán poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos solicitados para a creación dun centro integral de saúde (CIS). Tras o acordo de hoxe, os propietarios das dúas parcelas volverán ser convocadas para que tamén ratifiquen a cesión do solo nos termos establecidos previamente, un trámite imprescindible para poñer fin a un longo proceso burocrático.

Os convenios abranguen os terreos da Chousa do Muíño e da Goubea de Arriba necesarios para o novo edificio do centro de saúde pero tamén para a reordenación urbanística de todo o ámbito, no que constan cesións previas realizadas polos titulares de ámbalas parcelas hai máis de 35 anos.

En materia urbanística tamén se aprobou na sesión de hoxe, de xeito inicial, a delimitación poligonal da unidade de solo urbano non consolidado UU-R6, que se corresponde coa zona da rúa Bos Aires. O reaxuste na delimitación do polígono permitirá corrixir erros nas medicións e completar a urbanización do ámbito. O pleno da corporación xa aprobou na sesión ordinaria de maio o cambio do sistema de actuación de compensación a cooperación, de xeito que será o Concello de Carballo o que tome a iniciativa das obras de urbanización.

Fóra da orde do día foi aprobado o convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Fundación Luís Calvo Sanz para o patrocinio do concerto Síntese horizonte, que ofrecerá Guadi Galego no marco do Verán Cultural. A fundación achegará 6.000 euros.

Compartir: