Inicio Carballo ao día Novas O concelleiro de Medio Ambiente recolleu en...

O concelleiro de Medio Ambiente recolleu en Madrid a “Escoba de Oro”, que premia o servizo de limpeza viaria de Carballo

O noso concello foi o único na categoría de 20.001 a 50.000 habitantes en conseguir o galardón

Sábado 22 de xuño do 2024

O concelleiro Miguel Vales, no acto de entrega da Escoba de Oro

O concelleiro Miguel Vales, no acto de entrega da Escoba de Oro

O concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, recolleu en Madrid a Escoba de Oro concedida ao noso concello pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos, Aseo Urbano y Medio Ambiente (Ategrus). O acto tivo lugar no marco da feira internacional de urbanismo e medio ambiente TECMA 2024, que se celebrou do 18 ao 20 deste mes en Ifema dentro do V Foro Medio Ambiente y Sostenibilidad.

Dous anos despois de acadar a Escoba de Plata, Carballo converteuse neste 2024 no único concello de 20.001 a 50.000 habitantes que conseguiu a Escoba de Oro grazas ao novo contrato do servizo de limpeza viaria con Aspaber. O xurado valorou moi especialmente o feito de que se preste o servizo a través de persoas con discapacidade psíquica, o que contribúe non só a ter unha rúas máis limpas senón tamén unha poboación máis concienciada. No acto de entrega do premio tamén estiveron presentes, de feito, José Antonio Silván, Dolores Fernández e José Manuel Castro Tato, en representación de Aspaber.

Representantes de Aspaber, con Miguel Vales

Representantes de Aspaber, con Miguel Vales

O concelleiro Miguel Vales manifestou que este novo recoñecemento supón un paso máis de cara a acadar a máxima excelencia na prestación de servizos que, como é o caso da limpeza viaria, axudan a mellorar a calidade de vida dos carballeses e as carballesas, ademais de reforzar o noso compromiso social.

Ategrus concede cada dous anos os Premios Escobas de Plata, Oro y Platino aos organismos que, segundo apunta a propia asociación, “máis destacan polas súas iniciativas ambientais, premiando os esforzos realizados para estimular os avances tecnolóxicos e de concienciación que serven para ir mellorando a nosa calidade de vida e a sustentabilidade”.

Miguel Vales, xunto ao expositor de Carballo na feira TECMA

Miguel Vales, xunto ao expositor de Carballo na feira TECMA

O concurso empezou a celebrarse no ano 1987. A primeira edición foi convocada no ano 1987 pola Unión Europea dentro do Ano Europeo do Medio Ambiente, e da súa organización no Estado español encárgase dende aquela Ategrus, unha entidade sen ánimo de lucro que facilita persoal técnico e servizos encamiñados a mellorar a xestión dos residuos, e que forma parte da asociación internacional ISWA. Ao longo de todos estes anos foron outorgados máis de mil galardóns a municipios, deputacións, comunidades autónomas, empresas e universidades de España, Andorra, Portugal, México, Chile, Arxentina e Perú.

Compartir: