O MERCADO MUNICIPAL ÚNESE Á FESTA ESTE XOVES 20
O San Xoán de Carballo é moito máis ca unha festa!
As concellarías de Medio Ambiente, Igualdade e Festas colaboran para que as nosas celebracións patronais sexan máis sostibles, respectuosas e inclusivas
Martes 18 de xuño do 2024
O San Xoán de Carballo é moito máis ca unha festa, é “un momento de pleno desfrute, para todas as idades e para todas as persoas”, como o definiu o alcalde na presentación das iniciativas que, grazas á implicación das concellarías de Medio Ambiente, Igualdade e Feiras e Mercados, van enriquecer aínda máis o programa elaborado pola Asociación Cultural San Xoán e a Concellaría de Festas.
Este ano temos un San Xoán madrugador, que arrinca xa este mércores 19 coa lectura do pregón a cargo do compositor musical de orixe carballesa Sergio Moure de Oteyza e a estrea da súa Sinfonía Bergantiños, unha encarga do Concello de Carballo que queremos converter no noso himno. A apertura das festas será ás 20.30 horas coa actuación da orquestra sinfónica Gaos, que interpretará dúas pezas antes da lectura do pregón, e que tamén volverá actuar ao remate para a estrea mundial da sinfonía, na que contarán coa colaboración dos alumnos do CMUS Manuel Rey Trigo (lira e pandeiro) e Valentín Porteiro Rodríguez (gaita), o zanfonista Luis Bolón e unha vintena de cantareiras das agrupaciones Arume, Nemeth e Escola do Alprende.
O xoves 20 a festa chegará ao mercado municipal, que, como apuntou o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, estará especialmente engalanado para celebrar o San Xoán. Ademais de convidar á veciñanza a facer as compras destes días na nosa praza de abastos, o concelleiro anunciou que este xoves realizarase unha degustación de pinchos con produtos locais de tempada elaborados polo alumnado de Chisco Ramos no curso de Cociña que estamos a realizar no Fórum Carballo. A partir das 11.00 horas, as persoas que se acheguen ata o mercado poderán degustar, ata fin de existencias, estas delicias: tosta de sardiña afumada e escalivada, hamburguesa de polo crocante e petisú de framboesa e crema de vainilla.
Este ano tamén se porá en marcha un proxecto piloto, froito da colaboración entre as concellarías de Festas, Medio Ambiente e Igualdade, co que pretendemos, por unha banda, reducir o uso de plástico e fomentar o consumo responsable de alcohol, e, por outra, continuar coa campaña que vimos desenvolvendo desde o ano 2019 para sensibilizar á mocidade contra o acoso e as agresións sexuais. Tal como explicou a concelleira de Festas, Maruxa Suárez, a experiencia desenvolverase coincidindo coa actuación da orquestra Olympus, o venres 21; o Rockin Carballo, o sábado 22, e a Cachela de San Xoán, o domingo 23. Nestes tres eventos, todas as consumicións serviranse en vasos reutilizables que levan rotulado o logo da campaña Carballo en festas. Agresións 0’0. No momento de pedir a consumición haberá que depositar unha fianza de 1 euro, que se recuperará sempre e cando se devolva o vaso. Con esta iniciativa, que Maruxa Suárez cre que será un éxito, está previsto reducir un 80% os residuos plásticos.
Do 21 ao 24, ademais, volverá ás rúas, como todos os anos desde o 2019, o Punto Violeta da Concellaría de Igualdade, que se situará ben no Rego da Balsa ou ben na Praza do Concello, en función dos escenarios principais de cada unha das xornadas, tal como explicou a concelleira Maica Ures. O Concello de Carballo mantén nestes últimos cinco anos a mensaxe Carballo en festas. Agresións 0’0 coa que se lanza “un reto ás mozas e aos mozos para que aproveiten os momentos de ocio e diversión ao máximo, pero sempre con respecto e sen necesidade de consumir alcohol en exceso para pasalo ben”, sinalou a concelleira.
O Punto Violeta terá unha versión nocturna, de 22.30 a 02.30 horas, que incluirá actividades de dinamización e tamén un servizo especializado a posibles vítimas de agresións sexuais, para o cal contaremos con persoal técnico formado en igualdade. Pero este ano tamén teremos unha versión diúrna, que se materilizará na Ruleta infantil pola igualdade do día 26, dentro da Festa do Apego-Pequexoán, na que seguiremos traballando no respecto, a tolerancia, a diversidade e a igualdade a través de xogos infantís.
Do mesmo xeito, o 28 de xuño, Día do Orgullo, desde a Concellaría de Igualdade tamén se introducen actividades para peques e maiores na programación do San Xoán. Pola tarde desenvolverase o espectáculo infantil de narración oral Rosa e azul, e pola noite, coa colaboración da Consellería de Sanidade, chegará a cargo o programa de prevención do consumo de sustancias psicoactivas #aquexogas? Coñece as normas. Ti decides.