Inicio Carballo ao día Novas O concelleiro Iván Andrade participou como...

O concelleiro Iván Andrade participou como relator nun curso superior da EGAP sobre a axenda urbana

Aínda non coñeces a Axenda Urbana de Carballo? Podes descargala aquí!

Mércores 12 de xuño do 2024

Iván Andrade, hoxe na EGAP

Iván Andrade, hoxe na EGAP

O concelleiro de Innovación, Fondos europeos, Formación, Emprego e Axenda Urbana, Iván Andrade, foi un dos relatores na sesión deste mércores do curso superior A Axenda Urbana: un novo marco para as políticas públicas nas cidades e vilas. Elaboración, execución e avaliación de axendas urbanas locais, organizado pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago de Compostela.

A finalidade da acción formativa, destinada a traballadores/as da administración pública, é divulgar as oportunidades de financiamento vinculadas ás axendas urbanas locais e dar a coñecer distintas experiencias a nivel galego, como a de Carballo, que tamén foi obxecto de estudo por parte do Eixo Atlántico nunha xuntanza de ámbito autonómico celebrada en maio no noso concello. Iván Andrade explicou o proceso de elaboración da Axenda Urbana de Carballo, un documento “estratéxico”, dixo, xa que a partir de agora será imprescindible para acceder aos fondos ETI (Estratexias Territoriais Integradas), que substitúen aos antigos Edusi.

Despois de dous anos de traballo, nun proceso que recolleu as achegas dos técnicos dos distintos departamentos municipais, dos grupos da corporación e tamén da sociedade organizada, a través das sesións celebradas con asociacións empresariais, ambientais, culturais, deportivas, sociais, veciñais, de nais e pais de alumnos, Carballo xa aprobou a súa Axenda Urbana, que inclúe 55 accións “moi diversas, e con distintos niveis de prioridade”, centradas nos ámbitos social, do desenvolvemento sostible e da posta en valor do medio rural, engadiu Iván Andrade.

A partir da aprobación do documento por parte do pleno, o documento xa é accesible para a toda a cidadanía a través desta páxina web e estamos empezando a preparar os proxectos concretos para presentar aos fondos ETI.

Ligazóns

Descargas

Compartir: