Comezan os traballos de campo previos á elaboración do plan director do ámbito A Granxa - O Hospital
Arrancarán o martes 11 e centraranse tanto na mobilidade peonil e motorizada coma na iluminación, o ruído ou o mobiliario urbano
Sábado 8 de xuño do 2024
Avenida Ponte da Pedra
A Concellaría de Planificación Urbana e Mobilidade está a traballar na elaboración dun Plan director para a mellora do espazo público urbano e da mobilidade no ámbito dos barrios da Granxa e o Hospital. O obxectivo é dar resposta, dende o punto de vista do urbanismo e da accesibilidade, ás especiais características do espazo urbano que se estende a ámbolos lados da avenida Ponte da Pedra e que abrangue as rúas Fábrica (desde a rotonda ata o cruce coa avenida das Flores), avenida de Malpica (desde o cruce con Pedra Furada ata a rotonda), Carré Aldao (desde a avenida de Malpica ata a primeira curva), Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas, Enrique Labarta Pose, Otero Pedrayo, Manuel Murguía, Antón Fraguas (desde a avenida Ponte da Pedra ata a primeira curva), Cuba, Uruguai, Brasil, Nicaragua, Arxentina, Costa Rica, Bolivia, Ecuador (desde Brasil ata Bolivia), México, Colombia, Venezuela e Panamá.
O martes 11 comezarán os traballos de campo, que permitirán medir os fluxos de vehículos e peóns, a ocupación do estacionamento diúrno e nocturno, a mobilidade relacionada co colexio e as academias da zona durante a semana e arredor do complexo deportivo Carballo Calero durante as fins de semana, o grao de iluminación, os niveis de ruído, a sinalización, a accesibilidade, a situación do mobiliario urbano e da vexetación, entre outros aspectos.
A análise de todos estes aspectos permitirá coñecer a situación actual e as necesidades relacionadas coa mobilidade e a habitabilidade nese ámbito concreto para poder abordar as posibilidades de mellora, nun proceso semellante ao que se levou a cabo na contorna dos Baños Vellos, e no que, coma naquel, contarase coa participación do empresariado e da veciñanza da zona. Deste xeito poderase elaborar un documento, o máis consensuado posible, que permita establecer actuacións concretas relacionadas coa accesibilidade, a calidade ambiental, os servizos urbanos, a ordenación do tráfico, o estacionamento e o aforro enerxético.