Inicio Carballo ao día Novas O Concello e as catro seccións integradas...

VENRES 14 DE XUÑO, A PARTIR DAS 20.30 HORAS

O Concello e as catro seccións integradas en Xiria despedirán os actos do 40º aniversario da entidade cunha gran festa

Sábado 8 de xuño do 2024 Deporte

No fértil (deportivamente falando) ano 1983 naceron en Carballo dúas entidades que nos teñen dado ben alegrías: Escola Lubiáns e Asociación Deportiva Xiria.

Entrega dun agasallo a Escola Lubiáns

Entrega dun agasallo a Escola Lubiáns

Con Escola Lubiáns, que leva corenta anos promovendo a práctica do hóckey a patíns e, máis recentemente, a patinaxe artística, celebramos non hai moitas semanas un sinxelo acto de recoñecemento e agradecemento por todo o traballo desenvolvido, que culminou nesta última temporada co equipo sénior competindo no nivel máis alto da historia do deporte local.

Chega agora a quenda da Asociación Deportiva Xiria, que xa naquela tempada 83-84 da súa fundación chegou disputar o Campionato de España de Voleibol co seu equipo masculino. O voleibol foi, de feito, o primeiro deporte federado da Asociación Deportiva Xiria, á que se foron sumando o balonmán, o baloncesto e o xadrez. Mesmo chegou contar con seccións de atletismo e tenis de mesa, hoxe desaparecidas. Pero a entidade acadou tal dimensión que, chegado o momento, cada un dos deportes emprendeu o seu camiño por separado aínda que sempre baixo o paraugas común de Xiria.

Para recoñecer todo o traballo e o esforzo das persoas que conseguiron situar á Asociación Deportiva Xiria como unha referencia dentro de Galicia, este venres 14 imos clausurar os actos do 40º aniversario cunha celebración aberta a todo o deporte carballés e a toda a veciñanza.

A Concellaría de Deportes, Xiria Volei, Escola Basket Xiria, Balonmán Xiria e Club de Xadrez O Toque Xiria colaboran na organización dun evento que nos sitúa, ademais, na antesala das festas do San Xoán, e que pretende ser unha gran festa do deporte carballés.

O punto de partida será a Biblioteca Rego da Balsa. Alí concentraranse os/as deportistas das distintas seccións de Xiria para iniciar ás 20.30 horas un pasarrúas ata a Praza do Concello acompañados coa música e as acrobacias dun grupo circense. Unha vez na praza continuará o espectáculo circense ata o inicio do acto institucional, arredor das 21.15 horas, no que participarán os tres ex presidentes da Asociación Deportiva Xiria –Gema Paz Bello, Carlos Puga Trigás e Luciano Calvo Pumpido-, o presidente actual, Rosalino Mariño, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. E, ao remate, seguirá soando a música coa dj Sara Pose, que, por certo, tamén está ligada á historia de Xiria.

Ligazóns

Compartir: