Inicio Carballo ao día Novas A posta a punto dos areais e a...

A posta a punto dos areais e a contratación do persoal de salvamento e socorrismo anuncian a temporada alta nas praias

Todas as zonas de baño acadan a excelencia na calidade da auga

Venres 7 de xuño do 2024

Miguel Vales, en Razo

Miguel Vales, en Razo

No mes de xuño empeza a temporada alta nas nosas praias. Por iso, se te achegas estes días ata o litoral verás que se está a desenvolver unha intensa actividade para telas a punto de cara a mediados de mes. Desde a Concellaría de Servizos, Medio Ambiente e Praias estase a realizar un seguimento permanente das actuacións, que inclúen desde o mantemento das zonas verdes ata a reposición do mobiliario urbano, como puido comprobar o concelleiro delegado da área, Miguel Vales, hoxe mesmo.

A partir da semana que vén tamén se intensificará o servizo de limpeza de praias, que inclúe os traballos manuais e mecánicos precisos para a recollida de residuos nos areais e as súas zonas de influencia (zonas verdes, aparcamentos, accesos, parques infantís...), así coma as instalacións das praias (casetas de socorrismo, aseos, duchas...), a fonte de Arnados, as contornas da caseta das mariscadoras, e o local que ten Protección Civil no porto de Razo. Ata mediados de setembro, a limpeza realízase a diario e hai unha persoa na praia de maneira permanente para que os aseos estean sempre limpos.

Tamén está previsto que empece a funcionar a mediados de mes o servizo de salvamento e socorrismo. Nestes momentos está en marcha o proceso de selección de persoal, e o obxectivo é poder completar as 32 prazas ofertadas.

As cinco zonas de baño nas que está dividido o noso litoral volven acadar esta tempada a excelencia na calidade das augas de baño. Pero na procura da excelencia en todos os servizos, as praias carballesas volverán a contar cos certificados ISO 14001 e EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal e a xestión de residuos. Tamén volverá a ondear a Bandeira Azul nos areais de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal, e a Senda do Mar Razo-Baldaio poderá presumir un ano máis do distintivo Sendeiro Azul.

Compartir: