Inicio Carballo ao día Novas Aprobada a convocatoria de subvencións...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobada a convocatoria de subvencións para entidades deportivas e empresariais por importe de 250.000 euros

Luns 3 de xuño do 2024

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns a convocatoria de catro liñas de subvencións, tres delas destinadas a asociacións deportivas e outra a entidades deportivas, por un importe total de 250.000 euros.

Por unha banda, a Concellaría de Deporte promove unha liña de axudas para colaborar coas entidades na organización e participación en fases finais de ascenso a competicións nacionais e campionatos de España, cunha dotación total de 15.000 euros; outra para eventos deportivos e actividades de carácter extraordinario, cun total de 10.000 euros, e unha terceira para os proxectos de actividade xeral durante o ano actual, cun total de 150.000 euros.

Por outra banda, a Concellaría de Promoción Económica establece unha liña de subvencións ás asociacións de empresarios e comerciantes sen ánimo de lucro para fomentar a realización de actividades que contribúan ao impulso do desenvolvemento económico local. O importe destinado a esta acción acada os 75.000 euros.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou de xeito inicial o cambio de sistema de compensación a cooperación no polígono do PXOM de solo urbano non consolidado UUR17, que se corresponde coa zona destinada á construción dun Centro Integral de Saúde (CIS) a carón do centro de saúde xa existente. No convenio coa propiedade, o Concello de Carballo asumiu o compromiso do cambio de sistema de desenvolvemento dese ámbito, tendo en conta que se dan os supostos legais previstos con esa finalidade.

Entre outros asuntos, o goberno municipal tamén aprobou o pago de facturas por un total de 83.318,49 euros e varias licenzas urbanísticas, entre elas dúas para outros tantos almacéns agrícolas nos lugares de Quintáns (Ardaña) e O Campo (Bértoa).

Compartir: