SÁBADO 1 DE XUÑO, DE 11.00 A 14.00 E DE 17.00 A 21.00 HORAS
A popular ruleta de premios do CCA súmase á celebración do 10º aniversario do Rexenera Fest
O Concello de Carballo colabora co Centro Comercial Aberto, que repartirá bolsas, camisetas e parasois con imaxes dos murais
Luns 27 de maio do 2024 Promoción Económica
Este sábado a ruleta do CCA regresará a Carballo con máis de 1.000 premios directos, que inclúen experiencias gastronómicas (almorzos, ceas, lotes de conservas, botellas de viño, pan, chocolate, café, cestas sorpresa...), de ocio e benestar (como sesións de piscina termal, clases de surf, pádel e obradoiros infantís de galletas artesanais), de saúde e beleza, vales de alimentación ou xeados, irán destinados a agasallar a aqueles clientes que realicen as súas compras, entre o 10 de maio e o 1 de xuño, nalgún dos 59 establecementos participantes.
Pero a quinta edición da campaña Que rule, que rule! tamén chegará cargada de arte grazas a unha colaboración entre o CCA e a Concellaría de Promoción Económica e Turismo con motivo do décimo aniversario do Rexenera Fest, anunciada esta mesma mañá no acto de presentación oficial da campaña, que tivo lugar no xardín municipal.
Coincidindo co Rexenera Fest -do 30 de maio ao 9 de xuño- desde o Centro Comercial Aberto rende homenaxe ao noso festival internacional de arte pública coa elaboración de 200 bolsas de tea que levarán impresos algúns dos murais máis célebres da historia do festival. Trueiro, de Twee Muizen, O meu escudo protector, de Ana Langeheldt e a Carapuchiña feroz, de Carlos Concheiro e Susana Llorente son as tres pezas artísticas elixidas para incorporar ao xogo da ruleta. E non serán as únicas, porque a concellería que dirixe Xosé Regueira tamén quixo facer a súa particular contribución coa doazón de 300 premios conmemorativos do Rexenera Fest: 200 camisetas e 100 parasois.
A xerente do Centro Comercial Aberto Mª Carmen Freire, que acudiu xunto ao presidente da entidade Carlos Cousillas, sinalou que "con esta campaña pretendemos agradecer e premiar a confianza e a fidelidade dos nosos consumidores, que día tras día apostan polo comercio de proximidade como selo de identidade e calidade. Así mesmo, tamén estivo presente no acto o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que expresou o seu desexo de que “Carballo continúe sendo un referente permanente para o comercio de toda a comarca de Bergantiños e da Costa Morte”. Pola súa banda, Regueira destacou a importancia de que “esta campaña veña acompañada de moitas vendas como anticipo dunha boa temporada de verán”.
As persoas que non obteñan un premio inmediato poderán participar no sorteo de cinco cheques de 100 euros cada un, que poderán ser utilizados en calquera dos preto de cen comercios asociados ao CCA.
Un ano máis, o CCA agradeceu a implicación e apoio das empresas locais de hostalaría e comercio, e da Fundación Luís Calvo, así como o patrocinio do Concello de Carballo, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Grazas tamén aos consumidores/as por seguir apostando polo comercio de proximidade, converténdoo nun referente en calidade e variedade, con capacidade para cubrir as necesidades da veciñanza e xerar emprego estable.
Comercios participantes
A Fragua, Akira, Aloe Herboristería, Atelier, Atmósfera sport, Avanty Publicidad, Bambalina, Benetton, Buy&Sell, Calvelo Regalo, Calzados Susa, Cenor Carballo, Comercial Queijo, Compro Oro, Confecciones San Juan, Cristina Morgade, Croa do Castro Ecotienda, D&A Complementos, Dequip Carballo, Doces Soños, Dubra Café, DV Carballo, Ekaté, Emiliano moda, Federópticos Nicolás, Ferretería Arán, Florida Centro Joya, Floristería Taibo, holaMOBI, Informática Valem, Interfilm Carballo, Jorge moda, Joyería Calvelo Seoane, Joyería Rafa Vila, La casita de Lu, Lencería Mª José, Libraría Clarión, Maker Store by Allnet, Maluca Lobe, Menta, Mmmm! Xeados, Moda Suárez, Muebles Fuentes, Necos, O barco dos soños, Óptica Enríquez, Peluquería Beni, Peluquería Samel, Perfumería Garrote, Purificación Lema Centro de estética, Refugallo Zero, Retoños, Teirón, Teirón muller, Teirón nen@, Todo Lar, Xoguetería Merliño, Zapatillería Isabel e Zocas.