Inicio Carballo ao día Novas Deputación da Coruña e Concello de...

Deputación da Coruña e Concello de Carballo avanzan en novos proxectos de mellora da mobilidade na rede viaria provincial

A deputada de Infraestruturas Viarias e Obras, Mónica Rodríguez, realizou unha visita ás obras en marcha na estrada de Sísamo

Luns 27 de maio do 2024

A deputada provincial de Infraestruturas Viarias e Obras, Mónica Rodríguez, achegouse ata Carballo para visitar as actuacións que están en marcha na estrada de Sísamo e seguir avanzando en novos proxectos de mellora da mobilidade rodada e peonil na extensa rede viaria provincial que existe no noso concello.

Despois dunha xuntanza na que tamén participou o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a deputada Mónica Rodríguez realizou unha visita ás obras acompañada polo seu antecesor no cargo, José Manuel Pequeño; o vicepresidente da Deputación e concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo, Xosé Regueira, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas.

O proxecto de reurbanización da estrada de Sísamo parte do punto quilométrico 0+810, onde rematou a fase anterior, e continúa ata o final da vía no lugar do Outeiro (2+570). Ao longo destes 1.760 metros estase a levar a cabo unha actuación que permitirá mellorar e completar as infraestruturas de abastecemento e saneamento de auga, tanto no tramo máis urbano coma no rural, e adaptar á vía á mobilidade a un ou dous niveis, dependendo da zona.

A reforma integral deste treito da estrada provincial DP1901 ten un orzamento de 2.279.527,63 euros, financiados nun 72% pola Deputación da Coruña e nun 28% polo Concello. As obras son executadas pola empresa Vázquez y Reino.

Os traballos seguirán a mesa liña das fases anteriores: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas de baldosa hidraúlica cun ancho medio de 1,40 metros e dotación de servizos urbanos como saneamento e abastecemento de auga e alumeado con luminarias de LED de acero inoxidable. Tamén inclúen a instalación de mobiliario urbano e o axardinamento.

Despois de percorrer a estrada de Sísamo, representantes do Concello de Carballo e da Deputación desprazáronse ata a parroquia de Oza, na que está prevista a construción dunha senda peonil ao longo da estrada de Razo, e ademais achegáronse ata a Pedra do Sal, onde a gran demanda da veciñanza tanto da parroquia de Lema coma das de Noicela e Rebordelos é a ampliación da estrada de acceso á praia, dado o elevado volume de tráfico que ten, sobre todo no verán. Ámbalas dúas vías son de titularidade da Deputación da Coruña.

Compartir: