Inicio Carballo ao día Novas A Policía Local realizou en cinco...

A Policía Local realizou en cinco días o control de 168 cans, 7 dos cales carecían do chip obrigatorio

As persoas propietarias das mascotas foron informadas sobre a lexislación vi-xente na materia e déuselles un prazo para cumprila

Venres 24 de maio do 2024

As papeleiras con dispensador de bolsas están situadas nas zonas máis frecuentadas polas mascotas

As papeleiras con dispensador de bolsas están situadas nas zonas máis frecuentadas polas mascotas

Dentro da iniciativa En Carballo o teu can é un máis, a Policía Local está a levar a cabo unha campaña informativa entre as persoas propietarias de mascotas co obxectivo de darlles a coñecer tanto os dereitos coma as obrigas establecidos na lei. Neste sentido, os axentes están a distribuír entre a cidadanía folletos informativos que recollen normas básicas de convivencia e as distintas normas de rango estatal, autonómico e municipal de aplicación.

Nos cinco primeiros días, os axentes controlaron 168 cans na vía pública, a maioría en perfectas condicións. De feito, detectáronse 9 incumprimentos: 1 can de raza potencialmente perigosa sen bozo, 2 sen correa e 7 sen chip. A Policía Local informou aos seus propietarios das obrigas correspondentes. A lei de benestar animal establece sancións de 10.000 a 50.000 euros para as persoas que non teñan ás súas mascotas debidamente identificadas con chip, pero o obxectivo desta campaña non é sancionador senón informativo, e por iso outorgóuselles un prazo de 15 días para que procedan á identificación dos cans e presenten o xustificante correspondente nas dependencias policiais.

Outro dos obxectivos da campaña, que segue en marcha, é concienciar á cidadanía sobre a obriga legal, pero, sobre todo, cívica, da recollida dos excrementos dos animais. Este aspecto é moito máis difícil de controlar, polo que desde o Concello de Carballo inténtase facilitar esa tarefa poñendo a disposición da veciñanza papeleiras con dispensadores de bolsas, nas que, aínda que cada ano se colocan miles delas, ás veces desaparecen os rolos enteiros. Neste caso tamén facemos un chamamento ao civismo. Ademais, nesta campaña estanse a repartir dispensadores individuais con forma de óso para seguir facilitando a recollida dos excrementos das vías e espazos públicos.

Compartir: