XOVES 16 DE MAIO NA PRAZA DO CONCELLO
O Bergantiños FC recibirá a Medalla de Ouro do Concello de Carballo nun acto aberto a toda a cidadanía
O mesmo día será inaugurada unha exposición conmemorativa do centenario do club realizada polo historiador Xan Fraga Rodríguez
Sábado 11 de maio do 2024
A corporación municipal aprobou na sesión ordinaria de novembro de 2023 a concesión da Medalla de Ouro do Concello de Carballo ao Bergantiños FC con motivo do centenario do club. O acto institucional de entrega da medalla, aberto a toda a cidadanía, celebrarase o xoves 16 de maio na Praza do Concello, antiga Agra de Caldas, o primeiro “campo de fútbol” no que xogou o Bergantiños naquel lonxano 1923. Agás que o tempo obrigue a trasladar o evento á planta alta do mercado municipal, o Bergantiños regresará á Agra de Caldas, pero non para disputar un partido, senón para recibir a homenaxe do pobo de Carballo.
O acto, organizado polo Concello de Carballo, comezará ás 20.00 horas e será presentado polos xornalistas Mónica Martínez e Alfonso Hermida. Tras a actuación de alumnado do Conservatorio Profesional de Música falará o historiador Xan Fraga Rodríguez, autor dun libro sobre os 100 anos de historia do Bergantiños FC e comisario da exposición conmemorativa que será inaugurada o mesmo día na Praza do Concello. O presidente do club, Luciano Calvo Pumpido, e o alcalde, Evencio Ferrero Rodríguez, completarán as intervencións. De seguido procederase á lectura do acordo plenario polo que se acordou a concesión da Medalla de Ouro e á entrega da mesma ao presidente do club por parte do alcalde. A interpretación do Himno do Bergantiños por parte dos seus compositores pechará o acto.
Xa ao remate realizarase unha visita guiada pola exposición organizada polo Concello de Carballo coa colaboración da asociación cultural Lumieira, que no seu día propuxo tamén a concesión da Medalla de Ouro ao Bergantiños FC.
Cen anos de historia
O Bergan, coa copa de campión (Foto: Bergantiños FC)
O Bergantiños FC, inscrito no rexistro municipal de asociacións do Concello de Carballo e no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, ten como obxecto principal a práctica do fútbol nas competicións oficiais, nas que ten acadado numerosos éxitos deportivos como o campionato da Copa Galicia de 1968-1969, a participación na categoría de bronce do fútbol nacional nas temporadas 1987-1988 e 1988-1989, o título de campión de 3ª división galega na tempada 1993-1994 e a lembrada participación na Copa do Rei en novembro de 1987 ante o Rayo Vallecano con milleiros de afeccionados no campo de fútbol municipal. A todos estes logros vén de sumarse este ano un máis, xa que o Bergantiños vén de proclamarse campión de 3ª RFEF e, polo tanto, ascenderá a 2ª RFEF.
Ao longo da súa historia contribuíu a acadar o dereito da cidadanía á práctica deportiva e á formación desta nos valores do deporte, e actualmente conta cun total de dezaseis equipos, tanto masculinos como femininos, e máis de trescentos deportistas, dos cales uns douscentos son nenas e nenos de categorías de base, ós cales hai que engadir doce equipos e outras duascentas licenzas de base da entidade filial Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz.
Pero a relevancia do Bergantiños transcende o ámbito deportivo, realizando un destacado labor social durante a súa existencia. Representa a Carballo máis alá do municipio e constitúe un elemento identitario, dinamizador e de fomento de participación da veciñanza nos asuntos colectivos, pois é elevadísimo o número de persoas de Carballo e de toda a comarca que, xa sexa como deportistas, adestradores, directivos, socios ou simpatizantes, participaron das actividades do club.
O Concello de Carballo, en recoñecemento a esta grande contribución no ámbito social e deportivo da localidade, e no cumprimento deste 100º aniversario, decidiu facerlle entrega da Medalla de Ouro ao Bergantiños FC e facer partícipe tanto ás máis de trinta entidades que se adheriron á proposta de concesión da medalla coma ao resto da sociedade carballesa.