Humana recuperou 791 toneladas de roupa usada en Carballo na última década cun fin social
O ano pasado, os veciños depositaron 83 toneladas nos 34 contedores situados no concello, equivalente a 224.000 artigos de roupa usada
Sábado 11 de maio do 2024
Humana Fundación Pobo para Pobo reivindica a xestión responsable do téxtil usado como exemplo de sustentabilidade. A mellor mostra diso son os 2,1 millóns de pezas recuperadas nos últimos 10 anos en Carballo, depositadas nos puntos de recollida selectiva de roupa para darlles unha segunda vida e que non terminaron nunha entulleira. Este é o principal balance do traballo de Humana desde que a organización da economía social xestiona o servizo de recollida selectiva de roupa usada no concello.
A presenza da entidade sen ánimo de lucro no municipio remóntase a principios dos anos 2000, aínda que a colaboración directa co Concello empezou en 2013. Neste período que abarca unha década, e grazas ás doazóns altruístas da cidadanía, recuperáronse 791 toneladas de roupa usada, o que equivale a 2,1 millóns de pezas. O 90% da roupa refugada ten unha segunda vida grazas á reutilización e a reciclaxe, dous elementos craves para a economía circular e a creación e mantemento de empregos de calidade.
O ano pasado, os veciños depositaron 83 toneladas nos 34 contedores situados no concello, equivalente a 224.000 artigos de roupa usada.
“Agradecemos as doazóns da cidadanía, que nos apoia desde hai tantos anos. Humana é unha entidade sen ánimo de lucro cun apego especial por Galicia e especialmente por Carballo, un dos municipios nos que estamos presentes desde hai máis tempo”, asegura Silvia Pombo, directora de Recuperación Téxtil 2030 de Humana, que engade: “A recollida selectiva só ten éxito coa conxugación de dous factores: un firme compromiso ambiental por parte da administración local e un servizo profesional e transparente por parte da entidade xestora. Ambos os elementos conviven estupendamente neste concello”.
O concelleiro de Servizos e Medio Ambiente de Carballo, Miguel Vales, reiterou o compromiso de Carballo co desenvolvemento sostible, e nese sentido cualificou o servizo que presta Humana como un exemplo, xa que, por unha banda, evita que as miles de pezas de roupa que refugamos cada ano acaben na incineradora de Sogama, e, por outra, consegue que a xestión adecuada dese residuo reverta na sociedade a través de programas de cooperación ao desenvolvemento en África, América Latina e Asia, así como de apoio local, sensibilización e agricultura urbana en España. Silvia Pombo apuntou outro dos factores crave desta xestión: a creación de emprego verde.
Emprego verde e loita contra o cambio climático
“A entidade xera un posto de traballo indefinido a tempo completo por cada 30 toneladas de téxtil recolleito”, indica a representante de Humana, “esta capacidade de creación de emprego xunto ao beneficio social que xera a xestión do téxtil usado confirman que o traballo conxunto de Humana e Carballo é un excelente exemplo de economía social”. A xestión do téxtil recuperado na última década no concello equivale á creación de 26 postos de traballo.
Doutra banda, a reutilización do téxtil contribúe á loita contra o cambio climático: por cada kg de roupa recuperada (e que non termina nunha entulleira para ser incinerado) evítase a emisión de 6,1 kg de CO2, segundo un estudo da Federación Humana People to People. As 791 toneladas recuperadas por Humana en Carballo desde 2013 evitaron a emisión de 4.825 toneladas de CO2 ou o que é o mesmo: é o dióxido de carbono que emiten 1.800 coches que circulan 15.0000 km cada un ou o que absorben 36.000 árbores durante un ano.
O destino da roupa
O residuo téxtil recollido en Carballo trasládase a unha planta de transferencia en Santiago de Compostela e, posteriormente, ás plantas de preparación para a reutilización de Humana en Madrid ou Barcelona. O destino das pezas clasificadas é:
- O 63% destínase a reutilización: o 22% nas tendas Humana e o 41% expórtase, principalmente a África, para que persoas con menos recursos accedan a vestimenta e así xeramos recursos para cooperación ao desenvolvemento.
- O 28% trátase de subproductos cuxo estado non permite a reutilización; por iso, destínanse a procesos de downcycling.
- O 8% son dous tipos de residuos: os destinados a valorización enerxética e os que acaban en entulleira porque non se poden valorizar.
- O 1% son impropios.