ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN ATA O DÍA 14
“Traballando en lingua nas redes sociais”, próxima proposta para o curso de verán da UDC sobre dinamización lingüística
O alcalde, a concelleira de Normalización Lingüística e o director do curso presentaron o programa
Xoves 11 de xullo do 2024 Lingua
Xosé Manuel Sánchez Rei, Evencio Ferrero e Ángeles Pacoret
Ata o día 14 de xullo está aberto o prazo de inscrición para o XVII Curso de verán sobre dinamización lingüística que organiza a Universidade da Coruña (UDC), e que un ano máis terá como sede o noso concello. A cita, os días 16 e 17 de xullo no Pazo da Cultura, onde seguiremos Traballando en lingua, este ano nas redes sociais. A concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret; o director do curso, Xosé Manuel Sánchez Rei, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentaron este xoves o programa da acción formativa e animaron a todas as persoas interesadas a anotarse.
Esta edición centrarase en fomentar e analizar o uso da lingua a través das redes sociais e nas ferramentas para a transmitirmos desde diversos ámbitos derivados do binomio sociedade e tecnoloxías. Como todos os anos, esta edición tamén se alicerza no uso e na mellora do seu proceso de normalización, traballando os argumentos, as accións, a creatividade, a implicación, os métodos etc. máis adecuados para tal propósito.
As sesións constan de relatorios, comunicacións, mesas redondas e obradoiros para avaliarmos experiencias e propormos medidas e accións de intervención en actividades para implicaren distintas entidades e persoas. As intervencións teñen como nexo promoveren o uso da lingua nas redes sociais, para alén de sesións destinadas a repararen no suceso de produtos e empresas que só utilizan a lingua propia nos seus proxectos comunicativo-sociais.
Obxectivos
- Analizar e deseñar estratexias e accións para poren en valor e incrementaren o uso e a visibilización do galego nas redes sociais.
- Detectar e estudar problemas e preconceptos existentes arredor do uso da lingua galega nos ámbitos coas redes sociais etc.
- Valorizar o galego e a cultura propia como recurso de interese para actividades e proxectos emanados das redes sociais.
- Formular unha proposta de boas prácticas lingüísticas no ámbito das redes sociais.
- Coñecer e valorizar experiencias positivas de uso do galego na sociedade da información.
Persoas destinatarias
Persoas que traballan ou que están interesadas no proceso de normalización da lingua galega, nomeadamente técnicos/as de normalización lingüística, docentes, dinamizadoras/es socioculturais, estudantes, membros de asociacións, de empresas de dinamización social, lingüística ou cultural, técnicas/os de cultura, animadoras/es, intérpretes, tradutoras/es etc.
Matrícula e participación
O custo da matrícula inclúe a participación en todas as actividades do curso, o material que se utiliza, os cafés conxuntos e o xantar dos dous días.
- Para estudantes de calquera universidade, comunidade universitariada UDC e persoas desempregadas:30€
- Para o resto de persoas: 50 €
O curso de verán está organizado polo Servizo de Normalización Lingüística e a Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC coa colaboración do Concello de Carballo e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.