Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle o campionato galego de billar por...

DEPORTES

Carballo acolle o campionato galego de billar por equipos

Venres 9 de setembro do 2005

Os membros do clube Bola ocho punto com - organizadores do certame, no que tamén colabora o Concello - explican que se tratou de repartir moito os premios para incentivar os xogadores a participar. "Tratamos de impulsar que todos leven algún premio, para que se animen e se involucren no campionato", indican, "aínda que non consigan ser campións galegos cando menos cubren gastos e véñeno pasar ben". A contía total dos premios que se repartirán na 1ª categoría será de 3.080 euros, a da segunda 2.130 euros e a da terceira, 1.370 euros.

Ademais, explican que ao ser un campionato por equipos, os xogadores teñen máis opcións ca nos certames individuais. Cada equipo está formado por tres participantes titulares máis un ou dous suplentes, e divídense en 1ª categoría, 2ª categoría e 3ª categorías. Esta clasificación está definida "en función das ligas que se van xogando ao longo do ano", indicaron os organizadores do Campionato.

De feito, esta será a primeira edición na que participen xogadores portugueses, que ademais competirán na primeira categoría, "porque se trata de xogadores que participan durante todo o ano en Galicia e por iso poden competir neste campionato", explican. Da comarca de Bergantiños participan dous equipos na primeira categoría, tres equipos na segunda e un equipo na terceira.

O clube Bola ocho punto com foi o encargado de organizar o Open Internacional de Billar Iberpool 2005, que se celebrou en Carballo entre o 27 e o 28 de agosto. Durante os días 3 e 4 de setembro celebrouse o Campionato galego individual e unha semana despois, con este certame por equipos, péchase a temporada de billar 2004/2005.

Compartir: