Queres saber de que van falar os científicos e científicas que participan no primeiro Pint of Science Carballo?
Os días 13, 14 e 15 de maio enchemos de ciencia o bar do Mercado, o Bodegón e o Valle-Inclán coa colaboración de oito investigadoras/es carballesas/es
Domingo 5 de maio do 2024
A presentación do festival realizouse no emblemático Pazo de Vilar de Francos
O emblemático Pazo de Vilar de Francos foi o escenario da presentación do festival de divulgación científica Pint of Science, que se celebrará os días 13, 14 e 15 de xeito simultáneo nos bares de máis de vinte países de todo o mundo e nun total de 67 cidades españolas, Carballo entre elas. No acto, que podes ver neste vídeo, participaron os membros do equipo organizador, os científicos e científicas que ofrecerán as charlas e o alcalde de Carballo. O Concello e a Fundación Luis Calvo Sanz son os patrocinadores do evento, no que tamén colaboran a Universidade da Coruña (UDC), Bodegas Carballo e Ceos Galegos.
Begoña Nicolás Ávila, Francisco J. Blanco García, Lucía Tasende Rodríguez, Patricia Seoane Collazo, Francisco J. Toja Camba, María Andrade Suárez, Eva Souto García e Verónica Bolón Canedo son os/as oito investigadores/as carballeses/as ou con raíces no noso concello que participarán na primeira edición do festival Pint of Science Carballo, un evento de divulgación científica que propón un encontro entre investigadores/as e público nos bares. Todas participaron na presentación celebrada este sábado no Pazo de Vilar de Francos agás Lucía Tasende, que o mesmo día viaxaba desde Gante (Bélxica), onde traballa, cara Estados Unidos para participar nun congreso.
No festival Pint of Sciencie terán un reto engadido: facer chegar as súas investigacións ao público en charlas de 20 minutos. Queres saber de que van falar?
LUNS 13: BAR MERCADO
Begoña Nicolás Ávila (Universidade de Santiago de Compostela)
Órbitas e entullos: a danza celestial A actividade espacial, impulsada por satélites, é vital para a nosa vida moderna, desde comunicacións ata prognósticos meteorolóxicos. Con todo, esta proliferación de equipos xerou un problema: o lixo espacial. Decenas de miles de satélites orbitan a Terra, pero moitos xa non funcionan e convertéronse en chatarra. O lixo espacial xunto cos asteroides que se aproximan á Terra poden supoñer un risco para outros vehículos en órbita e para o noso planeta en si. Xorde así a necesidade de comprender o seu comportamento dinámico e de deseñar estratexias de defensa.
Francisco Blanco García (Universidade da Coruña)
Doutor, teño reuma?
As enfermidades reumatolóxicas afectan o sistema musculoesquelético, causando dor e inflamación. Exemplos inclúen artrite reumatoide, osteoartritis, espondilitis anquilosante e lupus. Poden impactar a todas as idades e xéneros. O diagnóstico temperán é crucial para un tratamento efectivo, pero a falta de conciencia e o estigma a miúdo atrasan a procura de axuda. A educación é esencial para informar sobre síntomas e factores de risco, promovendo a prevención e o tratamento oportuno.
Lucía Tasende Rodríguez (Ghent University)
A luz do pequeno: do laboratorio ao teu salón
Mergúllate no fascinante mundo dos nanomateriais e descobre que os fai tan especiais. Desde a súa composición a escala nanométrica ata as súas innovadoras aplicacións en tecnoloxía, estes diminutos materiais están a revolucionar a emisión de luz en pantallas, luces LED e máis. Exploraremos como a nanoescala permite propiedades únicas, como cores vibrantes e unha maior eficiencia enerxética. Acompáñanos nesta viaxe desde a nanoescala ata o teu fogar e descobre como os nanomateriales están a transformar a forma en que vemos e experimentamos a luz!
MARTES 14: O BODEGÓN
Francisco José (Kiko) Toja Camba (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela)
Mentes únicas, solucións únicas
Exploraremos o emocionante mundo da medicina personalizada aplicada á saúde mental. Descubriremos como a personalización no ámbito da saúde mental vai máis aló da prescrición tradicional. Exploraremos casos de éxito, revelando como a adaptación da medicina á singularidade de cada individuo pode revolucionar a forma en que abordamos e tratamos os trastornos mentais. Tamén, falaremos sobre unha gran descoñecida, a Farmacia Hospitalaria. E como, moitas veces desde a sombra, é responsable de moitos casos de éxito.
Patricia Seoane Collazo (Universidade de Santiago de Compostela)
A báscula no cerebro
O cerebro é un regulador incriblemente eficiente do peso corporal. Miles de anos atrás, non perder peso era esencial para a supervivencia. Por iso, a medida que as condicións cambian, o cerebro regula a fame, a actividade e o metabolismo para manter o peso estable. Pero, que sabemos do funcionamento deste sistema e que ocorre cando falla?
Ademais de relatora, Verónica Bolón forma parte do equipo organizador de Pint of Science Carballo xunto con Iván Andrade Tasende, concelleiro de Innovación, Fondos europeos, Formación, Emprego e Axenda Urbana, e Cristina Abelleira Martínez, responsable de comunicación do Concello de Carballo.
MÉRCORES 15: CAFÉ VALLE-INCLÁN
María Andrade Suárez (Universidade da Coruña)
E ti, buscas a autenticidade cando viaxas?
Como nos achegamos dende as ciencias sociais a pensar sobre o turismo? Falaremos da construción social do patrimonio, das diferenzas que existen entre “poñer en valor” e “dar valor”. Reflexionaremos sobre a estreita e contraditoria relación entre cultura e turismo e debateremos sobre a autenticidade e a escenificación turística dos elementos patrimoniais. Tamén se tratará de responder, desde a perspectiva sociolóxica, a preguntas como: existen diferenzas entre viaxeiros e turistas? Ou por que a nova obsesión de “vivir como locais” as experiencias turísticas?
Verónica Bolón Canedo (Universidade da Coruña)
Avances e desafíos da intelixencia artificial
Nesta charla exploraremos os avances e desafíos da intelixencia artificial, desde a súa orixe nos anos 50 ata as aplicacións máis modernas na actualidade. Tamén consideraremos algúns dos desafíos éticos e sociais que expón a IA e como podemos abordalos para maximizar os seus beneficios e minimizar os seus riscos. Únete a nós para desentrañar os misterios da IA e aprender por que aínda non debemos temer aos nosos amigos robots!
Eva María Souto García (Universidade da Coruña)
Dereito penal e xénero: como se relacionan?
O concepto do "xénero", entendido como “rol social”, entrou no ordenamento xurídico internacional e nacional. O Dereito penal non é unha excepción, de forma que desde, significativamente, o ano 2004, déuselle un papel protagonista na redacción dos textos xurídico-penais nacionais. Así as cousas, na charla proposta tentarase dar resposta ás preguntas: como se incorporou este concepto nesta rama do Dereito? Que cambios introduciu na lexislación penal española? É necesaria a implementación da perspectiva de xénero no dereito penal?