Inicio Carballo ao día Novas Aprobada por unanimidade a cesión da vella...

PLENO ORDINARIO DE ABRIL

Aprobada por unanimidade a cesión da vella escola de Ardaña á entidade Lenda Educativa como centro de educación especial

Fóra da orde do día adoptouse un novo acordo relativo á solicitude dunha subvención PERTE para a mellora do ciclo da auga aprobada en novembro

Martes 30 de abril do 2024

A corporación municipal reuniuse este luns en sesión ordinaria coas ausencias das concelleiras Maruxa Suárez, do BNG, e Isabel Cotelo, do PP. A sesión durou algo menos dunha hora. Os membros da corporación foron agasallados cun exemplar do libro Finis Terrae, do fotógrafo carballés Marcos Rodríguez, que se presentou a semana pasada no Museo de Bergantiños.

Entre os asuntos abordados destaca a aprobación, por unanimidade, da cesión de uso da antiga escola unitaria de Ardaña á entidade Lenda Educativa para a creación dun centro de educación especial. O Concello de Carballo tiña adquirido o compromiso de ceder un inmoble e nos últimos meses acometeu as obras necesarias para a adaptación da antiga unitaria, sempre en coordinación coa Consellería de Educación. Este curso o alumnado foi escolarizado provisionalmente en Coristanco, pero de cara ao vindeiro período académico xa poderán utilizar este novo centro, no que se realizou un investimento de 70.000 euros.

Ademais, fóra da orde do día foi incluída unha proposta do goberno municipal relativa á solicitude dunha subvención PERTE dixitalización do ciclo da auga, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, aprobada polo pleno en novembro do 2023 e que ten como finalidade a mellora da eficiencia do ciclo da auga no noso concello. A petición do Ministerio para a transición ecolóxica e o reto demográfico, a corporación municipal adoptou un novo acordo no se que inclúe a desagregación por conceptos da cantidade total solicitada (1,5 millóns para un proxecto de 1,8) e o compromiso de financiamento da porcentaxe que correspondería ao Concello. O acordo foi unánime.

No pleno ordinario tamén foron adoptados os seguintes acordos:

  • Conta ordinaria de recadación do concello de Carballo. A conta corresponde ao exercicio 2023, o último no que funcionou o servizo de recadación de xeito externalizado. Desde o 1 de xaneiro deste ano depende directamente do Concello de Carballo. A conta foi aprobada cos votos a favor do BNG e o PSOE, mentres que o PP abstívose.
  • Expediente de modificación orzamentaria. O importe do expediente acada os 783.533,14 euros, procedentes do remanente de tesourería para gastos xerais. O reparto dos fondos pode verse no documento anexo. Unha vez incorporadas estas cantidades, xunto con outras modificacións orzamentarias xa aprobadas no 2024, por importe de 5,7 millóns de euros, quedará dispoñible un remanente de 4.537.061,10 euros. Aprobado cos votos a favor do BNG e as abstencións de populares e socialistas.
  • Aprobación inicial do regulamento do cemiterio municipal. Ramón Varela explicou que se trata do primeiro regulamento do servizo, que inclúe a descrición das distintas unidades de enterramento ou cuestións sobre a realización de inhumacións e exhumacións, entre outros aspectos. “Non tiñamos regulamento, e aproveitamos o procedemento de concesión de nichos para deixar o servizo cuberto na súa integridade”, engadiu o concelleiro de Contratación. Aprobado cos votos a favor de BNG e PSOE. O PP abstívose.
  • Moción do grupo municipal do BNG sobre precariedade laboral e traballo digno. O grupo de goberno asumiu, como xa tiña anunciado, as reivindicacións expresadas pola CIG no último pleno facendo uso do regulamento de participación veciñal. A moción foi aprobada cos votos a favor do BNG e o PSOE. O PP votou en contra.
  • Rogos e preguntas. O PP presentou varias cuestións relacionadas coa mobilidade en distintas vías urbanas.

Compartir: