Inicio Carballo ao día Novas Unha ampla representación do goberno local...

Unha ampla representación do goberno local de Tomiño visita Carballo para interesarse por iniciativas de varias concellarías

As representacións de ambos concellos mantiveron unha xuntanza de traballo e realizaron un percorrido pola vila

Mércores 24 de abril do 2024

Carballo é un concello de portas abertas, tamén para outras Administracións locais que se interesan pola xestión das áreas ou de distintos programas municipais. Esta semana recibimos unha visita institucional do Concello de Tomiño (Pontevedra), a segunda en cinco anos. Nesta ocasión, sete dos nove membros do goberno municipal, entre eles a súa alcaldesa, Sandra González Álvarez, achegáronse ata o noso concello para interesarse por iniciativas das concellarías de Bibliotecas, Participación Veciñal e Medio Ambiente, principalmente.

A expedición de Tomiño chegou a Carballo ás 11.00 horas. Despois de ser recibidos por Evencio Ferrero na Alcaldía, os representantes de ámbolos concellos trasladáronse á sala de xuntas para celebrar unha reunión de traballo á que participaron os concelleiros carballeses Luis Lamas, Ramón Varela, Maruxa Suárez, Belén Lendoiro e Juan Seoane.

Na xuntanza abordáronse aspectos relacionados coa xestión e o funcionamento das bibliotecas municipais, xa que o Concello de Tomiño está a poñer en marcha un novo centro multiusos que inclúe biblioteca e outros servizos culturais, e nese sentido o modelo de Carballo é unha referencia. Tomiño tamén aposta pola participación veciñal, e no noso concello puido coñecer o funcionamento dos consellos parroquiais, constituídos a finais do ano 2016. Así mesmo, Carballo é un exemplo de xestión do ciclo integral da auga, que centrou outra parte da visita.

Despois do intercambio de opinións e experiencias, a mañá continuou cunha visita a algúns dos servizos e instalacións municipais e un percorrido pola vila.

Compartir: