Inicio Carballo ao día Novas As bibliotecas de Carballo acadaron o ano pasado...

RENOVADO O PUNTO DE TROCO DE LIBROS DO MERCADO

As bibliotecas de Carballo acadaron o ano pasado os 22.309 préstamos e gañaron 679 persoas usuarias

Martes 23 de abril do 2024 Lingua

Club de lectura en galego

Club de lectura en galego

As bibliotecas de Carballo téñense convertido non só nun punto de acceso a todo tipo de publicacións editoriais, senón tamén en importantes centros de dinamización cultural e social, como reflicten as 144 actividades que acolleron ao longo do ano 2023 e nas que participaron un total de 6.643 persoas.

Taller de cómic na biblioteca da rúa San Xoán

Taller de cómic na biblioteca da rúa San Xoán

As visitas quincenais dos Ratos de Lonxedetodo, os concertos do Curruncho Pop, a PLIC ou a multitude de actividades infantís que se desenvolven arredor da Semana do Libro e a Lectura, como podemos comprobar estes días, forman parte do ADN das nosas bibliotecas, pero se ata agora este tipo de propostas alternativas se concentraban na Biblioteca Rego da Balsa, o ano pasado marcou un antes e un despois co “contaxio” da Biblioteca da rúa San Xoán, da que tamén parten cada vez máis iniciativas.

Concerto de Pigmy no Curruncho Pop

Concerto de Pigmy no Curruncho Pop

As dúas bibliotecas, xunto co arquivo municipal, constitúen unha referencia que vai moito máis alá do ámbito comarcal, como se puxo de relevo no 2023 coa concesión dun novo Premio María Moliner á programación anual da Rego da Balsa. E para que siga sendo así, desde a Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística xa se están a marcar novos obxectivos, como a consolidación dos tres clubs de lectura que temos en marcha nestes momentos, a mellora da dotación tecnolóxica das instalacións a creación da sección “Outros idiomas” como novo recurso de acceso público ou a creación da sala-exposición Xoán López Eirís de teatro.

Porque o gran obxectivo, como explica a concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, é achegar a cultura a todos os públicos, a esas 9.616 persoas que xa teñen o carné da biblioteca e a moitas máis. De feito, o ano pasado incrementouse a listaxe de abonados en 679 persoas, pero o número de visitantes que pasaron polas dúas instalacións municipais chegou a 43.041, aos que se suman as 5.501 consultas a través da internet.

Novo punto de troco de libros no mercado municipal

Novo punto de troco de libros no mercado municipal

As bibliotecas de Carballo poñen a disposición da veciñanza 44.433 libros, e moito máis: videoxogos, películas, xornais, revistas, ordenadores... e diferentes espazos nos que pode pasar calquera cousa. A actividade traspasa incluso os muros do moderno edificio da Rego da Balsa ou do histórico inmoble da rúa San Xoán, chegando nos veráns ata a praia ou durante todo o ano ao mercado municipal, onde hoxe mesmo, coincidindo do Día do Libro, estreamos un novo punto de troco de libros. Exemplares que están a disposición de todo o mundo para coller, levar e devolver ou cambiar por outros, de xeito libre e gratuíto.

Se queres saber máis, contacta coas nosas bibliotecas: Biblioteca Municipal da rúa San Xoán Bautista (09.00 a 20.30 h, de luns a venres):

Biblioteca Municipal Rego da Balsa (de 09.30 a 20.00 h, de luns a venres, e de 10.00 a 13.00, os sábados):
  • Teléfono: 981 75 85 80
  • Correo electrónico: biblioteca@carballo.gal
E se queres consultar o catálogo de material dispoñible, entra aquí: https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/

Vídeos

Compartir: