A biblioteca da rúa San Xoán lembra a Manuel Facal cunha pequena mostra de libros relacionados co artista
Domingo 21 de abril do 2024 Lingua
O Concello de Carballo quere homenaxear como merece a Manuel Facal Ponte, finado o pasado 6 de abril, pero, ao tempo que estamos a traballar na organización dun acto institucional, a biblioteca da rúa San Xoán xa lembra ao noso artista plástico máis internacional cunha pequena mostra literaria.
Na exposición, acompañada por un cartel no que se alude ás súas facetas artísticas de pintor, gravador, escultor ou fotógrafo, tamén descubrimos ao Facal escritor e podemos afondar na súa figura a través das palabras que lle teñen dedicado autores coma Xavier Seoane ou Alberto González-Alegre.
Manuel Facal, nado en Carballo o 20 de xullo de 1943, abandonou a carreira de Enxeñería Técnica para dedicarse á súa paixón: a arte. Alternaba longas estancias en Málaga con Carballo, aínda que residiu en diferentes países, e a súa obra foi exposta en todo o mundo. Nos anos 80 participou no Grupo Atlántica, o grupo galego de arte contemporánea máis importante internacionalmente. No ano 2002 constituíuse en Carballo, co apoio do Concello, a fundación que leva o seu nome coa intención de velar pola conservación e a difusión da súa obra.