Inicio Carballo ao día Novas O alumnado do obradoiro de emprego Carballo Coida...

O alumnado do obradoiro de emprego Carballo Coida II inicia as súas prácticas en institucións sociais

Representantes das entidades colaboradoras asinaron hoxe os convenios correspondentes nun acto celebrado na Alcaldía

Mércores 17 de abril do 2024 Benestar

Para o alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego Carballo Coida II, centrado na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, chegou o momento de aplicar a situacións reais os coñecementos adquiridos a través da formación teórica e práctica que veñen recibindo nos últimos meses.

Hoxe, nun acto celebrado na Alcaldía, Evencio Ferrero asinou os convenios de colaboración coas institucións nas que desenvolverán as súas prácticas: Asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños (Aspaber), Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias de Bergantiños (Afaber), Asociación Íntegro das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte, Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) e Centro de día do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

As 18 alumnas e os 2 alumnos que están a formarse no obradoiro dividiranse en dous grupos para levar a cabo as prácticas. “Cada alumno-traballador vai realizar prácticas en dúas institucións diferentes para coñecer o traballo con persoas maiores, por unha banda, e con persoas con discapacidade, pola outra”, explicou a directora do obradoiro, Esther González. Xunto a ela e aos representantes das entidades colaboradoras, ao acto de hoxe tamén asistiron a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, e o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade, así coma a técnica de orientación laboral Milagros Antelo. Tanto eles coma o alcalde agradeceron a implicación das entidades e destacaron a importancia da formación nun campo con grandes necesidades de profesionais.

O obradoiro dual de emprego Carballo Coida II é un proxecto impulsado polas concellarías representadas no acto de hoxe coa intención, precisamente, de paliar un dos principais problemas das traballadoras e os traballadores do sector, que é a ausencia da titulación necesaria para acadar a inserción laboral. Esta acción formativa está subvencionada pola Xunta de Galicia.

Compartir: