Inicio Carballo ao día Novas A avenida Ponte da Pedra incorpórase...

A avenida Ponte da Pedra incorpórase á zona azul con 14 prazas de estacionamento limitado

Lembra que podes recoller os discos de control na Policía Local ou no Museo de Bergantiños

Venres 12 de abril do 2024

A avenida Ponte da Pedra estrea zona azul. Tal como acordou o pleno da corporación, a petición do comercio da zona, veñen de sinalizar 14 novas prazas de estacionamento limitado: oito no treito comprendido entre os números 64 e 72 e seis entre os números 65 e 76, na outra marxe. En toda a zona urbana superamos as 400 prazas.

Aparcar na zona azul é de balde, pero é obrigatorio sinalar a hora de chegada para que a Policía Local poida realizar o control correspondente. Os/as condutores/as poden anotar a hora nun papel ou utilizar os discos específicos. Se precisas un podes recollelo de balde tanto no Museo de Bergantiños coma na Policía Local.

O estacionamento está limitado a 90 minutos, tempo suficiente para realizar as compras ou unha xestión administrativa, e para os/as condutores/as que precisen dispoñer de máis tempo tamén se foron creando amplas bolsas de aparcamento libre e sen limitacións de horario, tanto no centro coma nos distintos barrios, con capacidade para máis de 2.000 vehículos, e que ademais seguen medrando.

E para os/as que precisen menos tempo tamén están habilitados os aparcamentos exprés, que permiten optimizar o aproveitamento das zonas amarelas con uso para carga e descarga de 07.00 a 12.00 horas, parada exprés de 10 minutos para todo tipo de vehículos de 12.00 a 20 horas, e estacionamento libre de 20.00 a 07.00 horas. O obxectivo é dotar a área urbana de aparcamentos máis eficientes, que poden ser utilizados por un maior número de usuarios/as ao longo do día e tamén se habilitan como estacionamento fóra do horario comercial.

Compartir: