O II Encontro de Big Bands abre o “Abril musical” do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo
Xoves 4 de abril do 2024 Educación Conservatorio
Despois do intenso programa de actuacións do mes de marzo, o Conservatorio Profesional de Música (CMUS) do Concello de Carballo continúa neste mes de abril con tres novas propostas.
O Abril musical arrancará o día 9 coa segunda edición do Encontro de big bands, que se celebrará a partir das 20.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. Nesta ocasión a agrupación convidada será a Big Band do Conservatorio Superior de Música da Coruña. Na primeira edición participou a Big Band de Oleiros, e precisamente neste mes de abril, un ano despois, a nosa Big Band do CMUS devolveralle a visita o venres 19.
A terceira cita do mes de abril desenvolverase en Sísamo, dentro do programa CMUS en Ruta. En colaboración coa Asociación de veciños Santiago Apóstol, o día 11 ás 19.00 horas actuará no centro social un conxunto de vento madeira e frautas.
En todos os casos, o acceso é libre e de balde ata completar capacidade.