Inicio Carballo ao día Hemeroteca A compañía ‘Pepe Hevia’ abre o...

CULTURA

A compañía ‘Pepe Hevia’ abre o ‘Carballo EnDanza’ no Pazo da Cultura

Martes 5 de decembro do 2006

As coreografías de Pepe Hevia converten aos bailaríns en pinceladas nun lenzo imaxinario no que a memoria se fai eterna. Esta compañía é unha consolidada formación de danza contemporánea con sede en Barcelona e fundada en 1993, que se caracteriza por unha sensibilidade despida e polo intento de traducir ao idioma da danza calquera forma de expresión. O seu estilo, de marcado acento poético, aglutina técnicas de danza contemporánea máis actual, que recolle a diversidade da danza, con especial atención á influencia da cultura afrocubana.

A segunda das compañías en actuar será Disque Danza, o mércores, 6 de decembro, con Menú Vexetal (dáme verde). Trátase dun espectáculo infantil que recrea a visita dunha muller a un restaurante onde se ve sorprendida pola vida que cobran verduras, froitas ou legumes, coas que, finalmente, acabará degustando un deliciosos menú. Esta actuación comezará ás 19,30 horas. Con este traballo coreográfico, a compañía viguesa fai unha incursión na danza infantil, tan escasamente abordada polas compañías galegas, e achégase dun xeito lúdico aos bos hábitos á hora de sentarse á mesa.

O xoves, 7 de decembro, pechará o programa a compañía Nova Galega de Danza con Engado, ilusionistas a pé, a partir das 21,00 horas. É o segundo traballo desta compañía, que xa visitara Carballo co seu espectáculo Alento, coque afonda no proceso de fusión e recreación de danza e música de raíz galega. Seis músicos e cinco bailaríns tecen en escea todo o seu mundo de ilusións e ofrecen un espectáculo cheo de enerxía, fresco e sorprendente. A obra representa o choque permanente entre a ilusión e a realidade que camiñan xuntas no paso do tempo.

Compartir: