Inicio Carballo ao día Novas O Carballo Handball Festival reúne esta...

DO 28 AO 30 DE MARZO

O Carballo Handball Festival reúne esta Semana Santa a máis de 200 nenos e nenas de oito clubs

Luns 25 de marzo do 2024 Deporte

A canteira do balonmán reúnese esta Semana Santa en Carballo na 8ª edición do Carballo Handball Festival, unha iniciativa das Escolas Balonmán Xiria que conta coa colaboración do Concello de Carballo a través de Carballo Deporte. Os clubs asturianos Ribadesella e Xixón, e os galegos Culleredo, Chapela, Pabellón Ourense, Xallas e Línea 21, ademais do Balonmán Xiria, daranse cita cos seus equipos alevín e benxamín para celebrar a festa anual do balonmán.

Carballo será o punto de encontro de máis de douscentos nenos e nenas das categorías alevín e benxamín, como destacou o vicepresidente de Balonmán Xiria, José Antonio Rodríguez Fraga, na presentación do evento. Con el estiveron Pablo Iglesias, responsable da área deportiva do club, e Jéssica Posse, coordinadora do evento. O Concello de Carballo estivo representado polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez.

Jéssica Pose puxo o énfase no carácter lúdico do Handball Festival, no que se prima máis “a convivencia que o aspecto deportivo”, e por iso a tarde do venres será de auténtica festa para os/as participantes. O sábado recibirán a visita do carballés Mauro Montero, campión do mundo coa selección española. Pablo Iglesias, pola súa banda, apuntou que o evento enmárcase na conmemoración dos 40 anos de Xiria.

Para Daniel Pérez, o Carballo Handball Festival pon de manifesto “a vitalidade de Balonmán Xiria” e a gran implantación que ten na sociedade carballesa. O alcalde felicitou á entidade “polo traballo que estades a facer” e expresou o seu desexo de que esta cita anual da Semana Santa continúe a medrar, porque “é unha forma de entender o balonmán dun xeito lúdico e na que priman o compañeirismo e a amizade”.

Ligazóns

Descargas

Compartir: