Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo pon en marcha un proxecto...

O Concello de Carballo pon en marcha un proxecto de recuperación de variedades autóctonas de árbores froiteiras

Coincidindo co Día Forestal Mundial, un grupo de escolares realizarán a plantación dos primeiros exemplares na Horta Seixo Branco

Martes 19 de marzo do 2024

Ámbito do proxecto da Horta Seixo Branco

Ámbito do proxecto da Horta Seixo Branco

Coincidindo coa celebración do Día Forestal Mundial, o 21 de marzo, a Concellaría de Medio Ambiente pon en marcha o proceso de formación da Horta Seixo Branco, un proxecto de recuperación de variedades autóctonas de árbores froiteiras que ten como finalidade, por unha banda, a preservación de especies locais para a súa difusión e posta en valor para o seu cultivo a nivel tanto particular coma profesional, e, por outra, a creación dunha aula interactiva para o seu uso como campo de observación para escolares e público en xeral, que permitirá, por exemplo, a celebración de cursos de enxertado e de poda.

O proxecto inicial inclúe a plantación de 168 unidades de maceiras e pereiras, ademais de 100 portainxertos para Malus sp e 50 para Pyrus sp. Algunhas plantáronas este xoves os nenos e nenas do CEIP Plurilingüe A Cristina que participaron na visita guiada do Día da Auga. A celebración foi tripla, xa que tamén conmemoramos o Día da Poesía coa lectura dun poema por parte da rapazada. A celebración, sen embargo, estendeuse a todos os coles, xa que, en colaboración co servizo municipal de xardíns, que xestiona o centro especial de emprego Dixardín, entregáronse árbores froiteiras en todos os que as solicitaron para plantar nos seus recintos.

A horticultura sempre tivo un papel moi importante tanto no autoabastecemento doméstico como a nivel comercial. Os cultivos tradicionais de horta e as froiteiras con especies autóctonas de maceiras, pereiras, nogueiras, cerdeiras... formaban parte da biodiversidade das nosas zonas rurais, variedades adaptadas ás distintas condicións xeográficas, ambientais e culturais, que permitían dispor de froita practicamente en todas as épocas do ano. Pero dende mediados do século pasado estase a producir unha perda da biodivesidade agrícola, do manexo integral de recursos, e da cultura e coñecemento asociado, ao que se suma a introdución masiva de variedades foráneas sen ningún criterio, co conseguinte risco fitopatolóxico de aparición de pragas e enfermidades inexistentes ata hai poucos anos. Se a todo iso lle engadimos que son poucas persoas, e de avanzada idade, as que conservan o coñecemento dalgunhas das variedades que aínda se manteñen en poucos hortos familiares, a supervivencia das nosas variedades tradicionais de froiteiras está en serio risco, e iso é o que nos move a poñer en marcha a Horta Seixo Branco.

Máis aló da plantación simbólica que van realizar os escolares, o proxecto inclúe o acondicionamento do terreo, a formación de camiños, a instalación de rega por goteo, a plantación das primeiras variedades, a sinalización e a difusión da iniciativa, que terá continuidade a curto-medio prazo coa plantación doutras especies froiteiras. O investimento desta primeira fase acada os 20.800 euros.

Compartir: